Nestes días estanse a substituir puntos de luz do alumeado público en varias rúas de Pontecesures. Colócanse luminarias LED co fin de obter un aforro enerxético.
A intensidade da luminosidade baixou considerablemente en moitos puntos, algo que non entenden moitos veciños pois investir en novas luminarias para aforrar logo na facturación está moi ben, pero non baixando a intensidade da luz e provocando que haxa zonas cunha escuridade que chama a atención.
En particular esta agrupación quere transmitir á veciñanza que está totalmente en contra das luminarias LED que se colocaron na rúa Nova e nun tramo da rúa Ullán (o que vai dende á Avda. de Vigo ata a rúa San Lois). Son farolas tradicionais tipo «villa» e as novas luminarias só iluminan a base das farolas quedando escuro todo o resto da rúa. Ademais, estéticamente, o efecto que transmiten os puntos de luz (agora sen os cristais dos faroles), é francamente horroroso.
Resulta lamentable que o goberno local non tomara nota do ocorrido noutros municipios próximos ao colocar luminarias LED nas farolas «villa» cun fracaso considerable.
Consideramos que as deficiencias no alumeado público causadas por esta actuación do goberno local deben ser corrixidas de inmediato. Non se pode experimentar así esperando a ver que pasa, e a ver o que dí a xente. Os veciños, que contribúen cos seus impostos e taxas ao sostemento do concello, non merecen esta falla de respecto.
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP Pontecesures