Roubo na nave de obras do Concello de Pontecesures.
A pasada noite unha ou varias persoas descoñecidas entraron a roubar nesta nave onde se atopa tamén a sede do obradoiro de emprego «Pontecesures» e que está situada na rúa Avelino Pousa Antelo, fronte á entrada principal do CPI Pontecesures.
Rompendo a contra dunha ventá traseira e forzando a verxa entraron os ladróns, que saíron logo pola porta da antiga nave de cantería, levándose bastante maquinaria (picadores, motoserras, radial, etc…) e ferramentas forzando tamén varias portas das dependencias interiores.
Foron forzadas, así mesmo, dúas máquinas de bebidas e bolería, levándose os productos e a recadación. Incluso foi substraído gasoil do depósito do camión municipal de servizos con mangueiras.
As dilixencias foron instruídas pola Garda Civil de Valga, que está investigando á autoría en base aos indicios atopados coa intervención da policía xudicial deste corpo, e se está a comprobar a totalidade dos obxectos substraídos, e a contabilizar os danos, que serán presentados, coa denuncia, á compañía aseguradora xa que o concello ten unha póliza de seguros concertada para estes riscos.
A incidencia alterou, a primeira hora, a xornada de traballo do persoal municipal (inspección ocular da Garda Civil, falla de ferramenta e maquinaria para o traballo díario, labores de limpeza da nave, etc…) que se normalizou a media mañá. Agora hai que adquirir novo material coa maior celeridade, pois é imprescindible para o funcionamento dos serivzos do concello e para os alumnos do obradoiro de emprego.
Non foi a única incidencia desagradable da pasada noite. Na rúa Deputación, un Citröen Xsara apareceu sen as catro rodas e tamén hai que salientar que na rúa Estación de Pontecesures varios descoñecidos entraron en dous coches o pasado fin de semana, levando os radio casettes.
0 comentarios