“Quen traballa aquí?”.
Preto de 30 nenos da Escola Infantil de Pontecesures visitaron o Concello para levar unha árbore de Nadal e recibir un agasallo dos políticos. De paso aproveitaron para coñecer as instalacións municipais.
Anxo, Sofia, Roi, Raúl, Ainhoa, Marcos, Nuria, Hiwot…E así ata preto de 30 cativiños de dous e tres anos participaron onte na tradicional visita que inaugura oficiosamente o Nadal, xa que son os encargados en levar ao Consistorio a árbore de Nadal que eles mesmos axudaron a elaborar. “O que tal traballo levaron”, apuntou unha mestra. Un pouco mareados de tanta cámara de fotos e televisión, os nenos portáronse máis que ben e mesmo preguntaron “quen traballa aquí?”.
A chuvia non lles quitou a gana de facer unha pequena excursión, así que, abrigados coas súas capuchas e inpermeables, baixaron do autobús que os levou dende a Escola Infantil Municipal á Casa Consistorial de Poantecesures, onde, xunto coas súas mestras, foron recibidos polos concelleiros Roque Araújo e Cecilia Tarela.
A visita, ademais, tivo premio: unha bolsa de “gusanitos” e un conto. Aínda que se lle entregou a cada un, metéuse todo nunha bolsa para facer a viaxe de volta. “Xa a levo eu”, ofreceuse unha cativiña pouco convencida de que fora a recuperar os seus agasallos.
Antes e marchar e en modo “tren chuchú”, os nenos percorreron as oficinas municipais ante o sorriso dos traballadores.
DIARIO DE PONTEVEDRA, 14/12/11
0 comentarios