Exposición sobre os Obxectivos do Milenio na biblioteca do CPI de Pontecesures.
ESTUDANTES DE PONTECESURES REFLEXIONAN SOBRE ??OS OBXECTIVOS DO MILENIO? A TRAV?S DUNHA EXPOSICI?N
Os paneis instalados no CPI de Pontecesures sintetizan as oito metas prioritarias que fixaron os estados membros da ONU para construír un mundo máis xusto
A exposición, que pretende concienciar sobre a pobreza, as desigualdades ou a solidariedade, está organizada polo Concello como socio do Fondo Galego
Alumnas e alumnos do CPI de Pontecesures traballarán durante a segunda quincena de xaneiro cos materiais da exposición ??Os Obxectivos do Milenio 2000-2015??. A iniciativa está organizada polo Concello de Pontecesures en calidade de membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Os paneis elaborados polo Fondo Galego sintetizan as oito metas prioritarias que os estados membros da ONU fixaron hai unha década na Declaración do Milenio: erradicar a pobreza extrema e a fame, acadar a educación primaria universal, promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller, reducir a mortalidade infantil, mellorar a saúde materna, combater a sida e outras enfermidades, garantir a sostibilidade do medio e mais fomentar unha alianza global para o desenvolvemento.
No centro dispoñen xa das unidades de recursos educativos que complementan a mostra. Nelas recóllense diversos vídeos e textos que o profesorado pode adaptar ás súas clases para dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e concienciar ao alumnado sobre a súa importancia. Os ODM son a principal folla de ruta do sistema internacional de cooperación para o desenvolvemento, no que entidades locais coma o Concello de Pontecesures se insiren a través do Fondo Galego.
Compromiso para 2015
A mostra ??Os Obxectivos do Milenio 2000-2015?? pretende sensibilizar a sociedade fronte a cuestións como a pobreza, as desigualdades e a solidariedade, explicando cómo se pode construír un mundo máis xusto cumprindo os compromisos asinados na Declaración. O chamado Cumio do Milenio reafirmou no ano 2000 o carácter universal e intemporal dos propósitos e principios das Nacións Unidas, considerando como valores fundamentais do novo milenio a liberdade, a igualdade, a solidariedade, a tolerancia, o respecto ao medio ambiente e a responsabilidade común.
O estabelecemento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, que deberan acadarse en 2015, compromete aos países a adoptaren medidas e aplicar esforzos e recursos para conseguilos. Os líderes mundiais asumiron o compromiso de levar adiante políticas económicas e sociais que contribúan á redución da pobreza no mundo e, polo tanto, a un mellor desenvolvemento humano. Para logralo son urxentes os cambios que deteñan o incremento das desigualdades entre países pobres e países ricos.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 94 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 142 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a implementar unha intervención de post-emerxencia no Haití.
Exposición na biblioteca do CPI de Pontecesures a partir do luns 23 de xaneiro.
0 comentarios