Exposición «De Sanxenxo ao Sahara: Vacacións en Paz» no Concello de Pontecesures.
O Concello de Pontecesures acolle a historia en imaxes de Salama e Jadidja, un neno e unha nena saharauís que forman parte do programa de Vacacións en Paz que trae cada verán a España a rapaces e rapazas que viven e crecen nos campos de refuxiados de Alxeria. A mostra fotográfica e o documental, elaborado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) reflicte a súa experiencia estival en Galicia e a súa vida cotiá no deserto.
O fotógrafo Pelu Vidal, xunto coas xornalistas Natalia Puga e Lara Varela, e o cámara Suso Lago, baixo a coordinación de Laura López, realizaron este proxecto de sensibilización no 2008. Tivo como un dos seus resultados a exposición fotográfica «De Sanxenxo ao Sáhara: Vacacións en Paz», que este xoves ás 20.00 horas se presenta no Concello de Pontecesures (Na Casa do Concello), xunto co documental «De Sanxenxo ao Sáhara: Vacacións en Paz», que tamén será proxectado na presentación. A exposición foi financiada polo Concello de Sanxenxo.
Por parte de Agareso acudirán á presentación as voluntarias de Agareso Lara Varela, Natalia Puga e Laura López, coordinadora do proxecto.
No verán do ano 2008, este equipo de reporteiros e reporteiras de Agareso seguiu a estanza dos dous nenos saharauís en Sanxenxo, xunto coa súa familia de acollida en Galicia, e acompañounos no seu regreso ao seu fogar despois de pasar dous meses na nosa terra. O programa Vacacións en Paz, operativo desde hai 18 anos, permite dar unha tregua aos máis pequenos durante os meses estivais, cando as temperaturas no deserto rondan os 50 graos.
España é un dos destinos destas estanzas estivais de miles de nenos que reciben así a aperta dun país onde as vacinas, os medicamentos, a tecnoloxía, forman parte da vida cotiá, pero que na súa realidade habitual escasean. Ás atención médicas que reciben, se suman o sentimento das familias de acollida, que acaban integrando a estes nenos e nenas como un máis da súa casa.
0 comentarios