A ACP critica o peche da biblioteca municipal de Pontecesures durante boa parte do verán.
Por vacacións da encargada da biblioteca municipal de Pontecesures a instalación vai permanecer pechada durante boa parte do verán. Bastantes usuarios/as estanse a queixar por este feito, ya que tamén neste período estival demándase a retirada de libros e a consulta dos mesmos no propio recinto, así como o uso da «Internet nas Bibliotecas».
Non pode dicir o goberno local que hai prohibición legal para contratar persoal temporal pois isto non é así cando haxa que cubrir necesidades urxentes e inaprazables no funcionamento dos servizos esenciais. Para ACP a biblioteca é un servizo esencial e a substitución da traballadora titular por vacacións e unha necesidade para non prexudicar aos usuarios/as.
Parece que ao goberno local este tema educativo da bilioteca impórtalle ben pouco. Aplica un recorte máis, non posibilita a contratación dun traballador por un mes, asunto que ten a súa importancia nestes intres de crise que vivimos, nin busca outra solución para que a biblioteca non estea pechada.
Hai que pedirlle ao concelleiro de educación, Roque Araújo, máis xustiza e equilbrio á hora de planificar os servizos educativos. Non hai día non letivo sen ludoteca para os nenos, en cambio decídese que quedemos sen biblioteca todo este tempo. A defensa da educación e da cultura potenciando a biblioteca municipal non debe quedar en meras palabras. Os feitos amosan a pouca sensibilidade por estes temas que ten o executivo local.
Pontecesures, 10/07/13
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP Ponteceures
0 comentarios