Nota da ACP sobre a venda ambulante en Pontecesures.
A corporación aprobou inicialmente o luns no pleno, e por unanimidade, a ordenanza municipal reguladora da venda ambulante en mercadillos de Pontecesures. Agora, o texto vaise expoñer ao público a efectos de reclamacións ou suxestións antes da súa aprobación definitiva.
Á ACP parécelle unha boa iniciativa a de contar cun mercadillo na Plazuela, na rúa Nova, na rúa San Lois e na praza da Lonxa o primeiro venres de cada mes, con posibilidades de que se instale máis venres.
O que xa non parece ben e que o goberno local, a pregunta do voceiro do PP, Vidal Seage, conteste que o texto da ordenanza fora tratado con anterioridade nunha sesión da Mesa Local do Comercio dándolle a súa conformidade, cando isto non é certo pois non se tratou en sesión algunha deste órgano. Resulta moi pouco serio que o executivo nun pleno municipal asegure unha cousa faltando á verdade. Da a sensación de que os integrantes do equipo de goberno actúan sen coordinación, cada un vai ao seu aire, e así xurden respostas improvisadas nos plenos que non se axustan á realidade.
Tamén no debate a ACP expuso que na actualidade é necesario regular outro tipo de venda ambulante, que é a que se realiza a diario, e a todas horas, con todo tipo de vehículos, en moitas zonas do municipio, incluído o centro da vila. Cada vez son máis os vehículos e máis as frecuencias e precísase aprobar unha normativa baseada na Lei de Comercio. O goberno local manifestou que xa estaba a traballar na regulación. Esperemos.
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP Pontecesures
0 comentarios