Juan Manuel Vidal Seage | “Puxemos a semente do que queremos que sexa Cesures”
Juan Manuel Vidal Seage chegou á Alcaldía de Pontecesures en 2016 mediante unha moción de censura e tras lograr o apoio de Independentes e Tega, cos que formou goberno.
¿Cal é o seu balance do último mandato?
A mellor maneira de valoralo son os feitos. Hai algo irrefutable, e é que pasamos de 600.000 euros de inversións a catro millóns. Houbo melloras na promoción das festas da Lamprea e do Churro. A implantación da administración electrónica tivo os seus máis e os seus menos, pero mellora a xestión diaria. E todo pese ao problema da diarrea lexislativa da Lei de Contratos.
Tres anos é menos tempo que un mandato normal, ¿deu para facer todo o que querían?
Puxemos a semente do que queremos que sexa Cesures no futuro. E hai cousas que están en marcha, como as melloras nos colexios e instalacións infantís, que xa están executadas. Un problema que debemos mellorar é a limpeza viaria e o ornato público, e vai no noso programa.
¿Cal é o voso proxecto para os próximos catro anos?
Pontecesures é un pobo pequeno en extensión, pero non en poboación. Ten un saldo vexetativo positivo. O noso proxecto ten en conta esa idiosincrasia. Apostamos, por exemplo, polo río Ulla como fonte de riqueza e como potencial turístico, facendo do municipio un referente náutico. Tamén proxectamos unha mellora das instalacións deportivas e da promoción turística, para o cal propoñemos un Plan Estratéxico.
Segue latente e sen solventar o problema da RPT no Concello de Pontecesures…
Estivemos centrados noutros proxectos e puxémonos neste último ano. O que si temos claro e que queremos que a administración xexa eficiente. Máis cedo que tarde teremos o documento inicial.
¿Que pasará despois o 26 de maio se non hai unha maioría clara?
Conseguir a maioría absoluta é difícil en Cesures porque con poucos votos un partido consigue representación. Haberá que tirar de alianzas. Eu espero reeditar a que hai agora. So me plantexo pactar con forzas da dereita.
Diario de Arousa
0 comentarios