Falece Carlota Paz, a gran fonte de inspiración de Borobó.
A primeira obra do escritor é unha lenda que ela lle narrou
Foi a súa compañeira en vida e unha das encargadas de manter o seu legado trala súa morte. Pero sobre todo, Carlota Paz Barreiro, que a pasada madrugada falecía aos 97 anos de idade, foi a principal fonte de inspiración de Raimundo García Domínguez, Borobó. Así o manteñen os seus achegados e o confirma Xoán po’reás, a primeira obra do escritor, un texto que era unha lenda que a propia Carlota escoitara dos beizos da que era a súa coidadora de nena e despois lle narrara ao seu home.
Da man de Borobó, ela mergullouse de cheo no eido literario. Casaron a finais dos anos 40, cando el, despois de pasar por diversos campos de concentración durante a Guerra Civil, se estableceu en Santiago e traballou en La Noche. Xuntos participaban nos faladoiros que tiñan lugar tanto en establecementos hostaleiros como nas propias casas dos escritores. Nun deles, un que se celebraba na taberna A Carballeira de Vigo, foi onde Álvaro Cunqueiro tivo a idea de dedicarlle un poema a cada unha das parellas das plumas presentes. Os versos escritos por el na honra de Carlota, que levan o seu nome, son os únicos que aínda se conservan.
A parella residiu en Santiago ata o 1965, ano no que establece a súa residencia en Madrid. Aínda así, cada verán desprazábanse á localidade boirense de Trebonzos, onde estaba a casa familiar. Tralo falecemento de Borobó, no 2003, Carlota Paz permaneceu na capital, aínda que hai un lustro, cando xa requiría coidados debido á súa idade, regresou a Compostela.
Desde alí onde estaba residindo, Carlota Paz sempre se brindou a manter viva a memoria do seu home, desprazándose en diversas ocasións a Boiro para acudir ás homenaxes que se lle tributaron ao escritor, nomeado fillo adoptivo. A asociación cultural que leva o nome do intelectual agradeceulle ese esforzo nomeándoa, no 2010, presidenta de honra.
A nivel persoal, Carlota Paz caracterizouse por ser unha persoa afable e sinxela, así como por estar moi orgullosa dos seus cinco fillos. A máis coñecida en Barbanza é Paola García Paz, pintor vinculada á asociación Barbantia que foi durante moito tempo a man dereita de María Luisa García na extinta asociación O Faiado.
La Voz de Galicia
0 comentarios