Oito locais de Valga participan no concurso de petiscos Tapa a Anguía.

Os establecementos servirán as súas tapas de xeito gratuíto durante as dúas últimas fins de semana de agosto
Finalmente son oito os establecementos de hostalería que este ano se suman a Tapa a Anguía, o concurso de pinchos que o Concello de Valga convoca dentro da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Trátase de Caprichos, Maneiro, Pontellón, Couceiro, Auditorio, Vilarello Paradise, Pardal e Pirata.
A actividade gastronómica procura a promoción dun dos produtos estrela da festa, a anguía, incentivando o seu consumo nos locais de hostalería do municipio. Os servizos municipais encárganse de facer chegar o peixe aos participantes, xa limpo, para que elaboren as súas tapas.
A ruta hase desenvolver durante as dúas últimas fins de semana deste mes, aínda que o apartado de concurso terá lugar unicamente os días 23 e 24. Na derradeira semana de agosto, días 30 e 31 de agosto, só haberá degustacións. Os petiscos serviranse de xeito gratuíto coas consumicións os sábados, en horario de mañá e tarde-noite, e os domingos, unicamente ás mañás.
O público decidirá cos seus votos cal son as mellores tapas e os locais gañadores dos mandís de ouro, prata e bronce. Para poder participar da escolla será preciso reunir os selos dos bares participantes logo de degustar os seus petiscos e introducir as papeletas nas urnas. O Concello sorteará entre eles vales de 30 euros para o comercio local. Un xurado profesional elixirá o pincho que se servirá na Festa da Anguía 2026.
La Voz de Galicia
0 comentarios