Pontecesures logra recuperar unha parcela de Valga tras catorce meses de trámites
O concello cesureño completa a expropiación dun terreno de 1.200 metros cadrados por máis de 90.000 euros, malia a oposición do municipio veciño
O Concello de Pontecesures deu un paso máis na ampliación do seu territorio ao completar esta semana a expropiación dunha parcela situada xunto á praza de abastos de Valga. Trala sinatura da alcaldesa Maite Tocino, o terreno de 1.200 metros cadrados pasa a formar parte oficialmente do termo municipal cesureño.
A operación, que se prolongou durante catorce meses de xestións administrativas, supón un desembolso de 90.654,42 euros para as arcas municipais. Esta cifra foi avalada pola resolución de fixación do xusto prezo do 24 de xullo do Xurado de Expropiación de Galicia, segundo confirman desde o goberno local.
“Esta parcela permitiranos intervir e mellorar a zona, poñéndoa á disposición de todos os veciños do noso municipio”, explican fontes municipais. O proceso administrativo arrancou o pasado 3 de xullo de 2024 e culminou este lunes coa sinatura do acta de pago e ocupación no salón de plenos do Concello.
Valga anuncia recursos xurídicos
Con todo, a decisión non está exenta de polémica. O Concello de Valga xa anunciou que presentará un recurso contencioso-administrativo contra a expropiación. Desde o goberno popular de Bello Maneiro consideran que nin a superficie nin o prezo son os axeitados.
“Esta franxa abarca máis de 2.000 metros cadrados e a expropiación é de tan só 1.200”, sosteñen desde Valga, que se opuxo rotundamente ao proceso dende o seu inicio. A discrepancia nas medicións e no valor económico da parcela promete prolongar o conflito nos tribunais.
Para Pontecesures, que se prepara para celebrar o seu centenario, esta incorporación territorial representa un logro estratéxico que permitirá desenvolver novos proxectos na zona lindante entre ambos os dous municipios.
0 comentarios