Pontecesures arranca este luns as obras na rúa Carlos Maside
O Concello investirá 416.000 euros nunha das actuacións máis ambiciosas do ano, que estará rematada en febreiro
Pontecesures comeza este luns unha transformación importante no seu viario. As obras de reordenación da rúa Carlos Maside arrincan oficialmente tras a firma da acta de replanteo da pasada semana, segundo confirmou a alcaldesa Maite Tocino.
O proxecto, que leva sobre a mesa desde febreiro, conta cun orzamento de 416.000 euros cofinanciados co Plan Extra da Deputación. A intervención busca humanizar e reurbanizar o inicio desta rúa e mellorar a súa conexión coas vías do arredor.
Os traballos terán unha duración de catro meses, polo que se todo vai segundo o previsto, a rúa Carlos Maside lucirá nova en febreiro do vindeiro ano.
Tamén se moverá a rúa Borobó
Pero as obras non rematan aquí. A finais deste mes de outubro comezarán os traballos de reurbanización na rúa Raimundo García Domínguez ‘Borobó’, outra das grandes apostas urbanísticas do Concello.
Neste caso, a planificación debe ser especialmente coidadosa. “Temos que fiar moi fino co tráfico”, explicou Tocino, xa que esta rúa concentra puntos moi sensibles: o colexio, a gardaría, o centro de saúde e o polideportivo. Desde o Concello confían en coordinar as actuacións sen maiores complicacións para os veciños.
0 comentarios