Ultiman o novo proxecto do Club Náutico de Pontecesures tras axustar o orzamento
O Concello de Pontecesures está a piques de rematar a redacción do proxecto de mellora e ampliación do Club Náutico, unha obra histórica que leva anos esperando. O goberno local tivo que recortar cifras para facer viable a actuación.
O proxecto orixinal, cun orzamento de 1,3 millóns de euros, era demasiado para as arcas municipais. “É un proxecto moi complexo e tuvemos que axustalo a un orzamento que non comprometa a estabilidade financeira do concello”, explicou a alcaldesa Maite Tocino. Do orzamento inicial, 815.000 euros saírían directamente das contas do Concello, unha cantidade que condicionaría o resto de investimentos do mandato nun municipio con orzamento de 2,8 millóns.
Hai poucos días, o equipo de goberno reuniuse co redactor do proxecto para pechar os últimos detalles. Agora, o seguinte paso é buscar financiamento, e para iso o Concello pon as súas esperanzas na Xunta de Galicia.
Xa en xullo, Tocino reuniuse en Santiago coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta. Ali houbo un “compromiso” de apoio económico, sempre que o proxecto cumprise coas súas condicións. “Eu agardo que sexa así e que colabore porque non hai nada asinado, hai unha proposta de acordo, o que nos piden é que redactemos un proxecto sendo máis cautos coa inversión”, aclarou a rexedora.
Aínda que a Xunta mostrou boa disposición, nada está asinado. E mesmo conseguindo o financiamento, o camiño aínda será longo: quedará publicar a licitación da obra e pasar polos trámites legais correspondentes. Así que os usuarios do club, un dos que máis licenzas de piragüismo ten en Galicia, terán que seguir esperando para ver convertida en realidade esta ansiada ampliación.
As novas instalacións incluirán melloras no ximnasio e nos vestiarios, ampliación do almacén de embarcacións, renovación de carpintarías e pavimentos, e mellora da climatización e ventilación. Todo cun único obxectivo: adaptar as vellas instalacións ás necesidades actuais dun club que leva anos dando froitos no mundo do remo e da piragua.
0 comentarios