Luis López destaca os 4,5M€ mobilizados pola Deputación nos sete concellos da comarca de Caldas para executar obras que “levaban anos agardando a súa oportunidade”.

Publicado por Redacción o

O presidente provincial resume nun encontro en Moraña diante de alcaldes dos sete concellos desta comarca os proxectos que está a financiar a Deputación a través do primeiro Plan Extra, do que se benefician os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes

 Balance do Plan Extra Comarca de Caldas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta os 4,5 millóns de euros mobilizados este ano a través do Plan Provincia Extraordinaria Plan Extra nos sete concellos da comarca de Caldas. O mandatario provincial inicia en Moraña unha serie de encontros comarcais para facer balance dos proxectos postos en marcha ao abeiro da primeira convocatoria deste novidoso programa que, dotado con 38M€ de euros de orzamento, atendeu o 100 % das solicitudes presentadas beneficiando aos 59 concellos de menos 50.000 habitantes da provincia. “Este proxecto é moito máis ca un simple plan extraordinario de investimentos nos concellos. É un proxecto de provincia no que os concellos achegan as ideas e a Deputación, os recursos para executalas, moitas delas ao 100 %”, definiu Luis López a vocación dun plan que xa ten en marcha a súa segunda convocatoria, que volver ser un éxito absoluto de concorrencia.

No Multiusos de Moraña, diante de rexedores, concelleiros e representantes do tecido veciñal dos sete concellos —Caldas, Catoira, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga— que integran a comarca de Caldas, o presidente da Deputación puxo o foco no carácter estratéxico e transformador dos sete proxectos que se están a executar xa ao abeiro deste Plan Extra, do papel da Deputación para financiar a maior parte das obras, o 100 % en moitos casos; e na lealdade institucional do executivo provincial para respectar a autonomía dos gobernos municipais á hora de decidir os proxectos a desenvolver. “Co Plan Extra a autonomía dos concellos acada unha nova dimensión ao dotar á Deputación das ferramentas necesarias para facer realidade esa obra tan necesaria e que tantos anos estaba agardando a súa oportunidade nun caixón. Falamos dun proxecto global para os 59 concellos pequenos e medianos, pero todos extraordinarios; que nós convertemos en estratéxico para unha provincia extraordinaria”, afirmou López.

Entre os proxectos beneficiarios das subvencións deste Plan Extra na comarca de Caldas está o da reordenación da contorna da Carballeira de Santa Lucía presentado polo Concello de Moraña cun orzamento de 450.000€ e que recibe unha subvención por parte do organismo provincial de 383.000€. Tamén o da mellora da mobilidade peonil no Campo da Torre proposto polo Concello de Caldas ao que a Deputación achega 630.000€ dun total de 840.000€. En Valga, a administración que preside Luis López aporta 700.000€ para o acondicionamento da zona norte da Lagoa de Porto Piñeiro, valorada en 902.000€. Nestes casos, os concellos completan cada un dos orzamentos con fondos propios ou con subvencións doutras administracións porque “premiamos a capacidade dos gobernos locais para conseguir recursos doutras administración, sen ningún tipo de cláusula que os penalicen”, puntualizou López.

O +Provincia complementa os investimentos

Sen embargo, noutros casos a Deputación achega o 100% dos investimentos. “A posibilidade de combinar os fondos dos plans +Provincia é do Plan Extra é unha mostra desa flexibilidade e autonomía que propoñemos desde a Deputación e á que recorreron moitos rexedores para financiar as súas obras”, puntualizou Luis López antes entrar ao detalle dos proxectos impulsados a través deste mecanismo. En Pontecesures, os 436.400 euros da mellora da Rúa Carlos Maside son financiados totalmente pola Deputación, igual que 552.000€ para a construción das piscinas descubertas e dun edificio polivalente en Cuntis ou os 317.700€ para a rehabilitación do edificio da escola de música de Portas. Mentres que no caso de Catoira, o proxecto para a conexión peonil do centro da vila cos enclaves turísticos de Pedras Miúdas reciben un total de 540.000€ da combinación dos fondos do Plan Extra (500.000€) e do +Provincia (40.000€) que completa o Concello cunha aportación de 170.000€ de fondos propios.

En suma, a primeira convocatoria do Plan Extra da Deputación serviu para mobilizar un total de 4,5 millóns de euros nos sete concellos da comarca de Caldas, dos que o organismo provincial achega 3,85 millóns. Un revulsivo que terá continuidade o vindeiro ano, porque a segunda convocatoria do Plan Extra vén de pechar recentemente o prazo de presentación de solicitudes e supuxo novamente un completo éxito de participación. “Unha nova demostración da cantidade de proxectos ambiciosos e creativos que os concellos teñen preparados para executar en canto teñen a oportunidade”, dixo López, quen adiantou que no caso da comarca de Caldas inclúen un conxunto de sete propostas que suman un investimento total de 4,55M€ que se atopan xa en fase de valoración.

 Balance do Plan Extra Comarca de Caldas

Compromiso co rural

A colaboración da Deputación cos concellos pequenos e medianos da provincia resulta crucial para executar proxectos estratéxicos que teñen o obxectivo de mellorar as infraestruturas e os servizos para mellorar a calidade de vida da veciñanza que vive nestes municipios, moitos deles enclavados en contornas rurais e afectados polo reto demográfico. Con todo, a achega do organismo que preside Luis López non se limita unicamente á execución deste tipo de proxectos, tamén promove a actividade cultural, social ou turística a través de iniciativas de todo tipo.

“Escoller Moraña para organizar este encontro é moi pertinente”, declarou o presidente para contextualizar a celebración deste encontro nun concello de interior e carácter rural que representa o compromiso da Deputación co rural, que se promociona na campaña de Turismo “Cando Volves?”, na programación de eventos culturais de calidade ao abeiro de plans como o +Escénicas ou o +Música e na organización de eventos deportivos de ámbito nacional e internacional, ademais do esforzo investidos que deixará 128M€ nos 59 concellos pequenos e medianos da provincia a través dos plans de cooperación +Provincia, Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e Plan Extra. “Esta é unha provincia de 61 concellos cos que estamos comprometidos en todo, con toda a forza da que dispoñemos”, concluíu o presidente Luis López. 

Deputación de Pontevedra

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.