O Baixo Ulla busca veciños para recuperar a súa toponimia.

Publicado por Redacción o

Valga é un dos municipios peor documentados na Galicia Nomeada, iniciativa que busca conservar a microtoponimia galega

Galicia Nomeada é un proxecto posto en marcha pola Real Academia Galega co apoio da Xunta que tenta servir de enciclopedia dixital da microtoponimia galega. Isto é, os nomes de entidades de poboación menores —barrios ou lugares— que van máis ao miúdo no territorio que a nomenclatura oficial —os nomes de concellos e parroquias—. A riqueza do noso país no ámbito da toponimia é tal que se calcula que existen uns 2 millóns de microtopónimos que perviven na memoria dos galegos e galegas, pero que corren o risco de se perder se non son rexistrados. De aí a importancia desta plataforma que, ademais de recollelos, permite a súa consulta aberta e tenta xeolocalizalos e poñelos nun mapa.

O proxecto respira grazas ás achegas dos veciños oriundos de cada zona, que poden rexistrar de maneira libre os topónimos dos que teñen coñecemento. Neste sentido, os concellos do Baixo Ulla son algúns dos que menos participación rexistran a día de hoxe nas provincias de Pontevedra e A Coruña. Na marxe sur do río, o caso de Valga é o menos documentado, con solo 106 topónimos rexistrados, fronte os 445 de Pontecesures ou aos 1.536 de Catoira. Por iso a asociación cultural Os Penoucos fai un chamamento á veciñanza destes municipios, e en particular aos de Valga e Dodro —en similar situación, con so 156 achegas—, para colaborar na conservación dos nomes da contorna.

Co gallo de animar a participación, o venres 14, ás sete da tarde, a casa-museo de Rosalía de Castro acollerá unha charla a cargo de Vicente Feijoo Ares, especialista en toponimia da Real Academia Galega, baixo o nome «A plataforma Galicia Nomeada. Un recurso dixital para salvagardar, divulgar e investigar a toponimia galega», na que se dará a coñecer mellor a iniciativa.

La Voz de Galicia

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.