Fernando Cabeza: «Pontecesures era Cesures, pero había moita confusión coa Cesuras da Coruña»

Publicado por Redacción o

O nome do concello xurdíu no momento da independencia de Valga explica o autor de «Toponimia de Padrón e Pontecesures»

Fernando Cabeza non quería facer a mili, pero non lle quedou outra: naqueles tempos era algo obrigado. Durante a súa estadía nos cuarteis, buscou un refuxio mental, a forma de «fuxir de alí sen atravesar os muros». E foi así como descubriu o mundo da toponimia. «Agora a xente está, por así dicilo, un tanto embrutecida. Pero na toponimia está todo concentrado: a historia, a lingua, o pasado…», comenta un home que ten escrito numerosos libros sobre os nomes que se lle dá aos territorios. O primeiro saliu ao prelo a comezos dos anos noventa do século pasado. O último acaba de publicarse; é unha obra sobre Pontecesures e Padrón.

—Por que se fixou nestas vilas?

—Eu son un home moi sentimental. Meu pai era profesor de instituto e vivimos en moitos sitios, así que teño vínculos con moitas localidades galegas. Nacín na Estrada, vivín en Ribeira, casei en Carballo… E meu pai era de Pontecesures, con moita familia en Padrón, de aí que agora lle adicase este libro a estas localidades.

—Gústalle indagar na orixe dos nomes. Por que Pontecesures se chama así?

—Todos os topónimos son, orixinariamente, transparentes, porque se formaron con palabras que usaba a xente. Pero moitos se foron facendo opacos co paso do tempo. Eu o topónimo de Pontecesures xa o estudara nos anos noventa. Hai varias explicacións sobre a súa orixe que estaban moi estendidas pero que son erróneas. Unha dicía que viña de «Ponte do César»; outros, que viña de que na ponte se facían censos dalgún tipo.

—E logo, de onde ven o de Pontecesures?

—Cesures é un topónimo que describe o lugar, a forma do chan. Neste caso, fala dun corte, dunha cesura no terreo que é ben visible se entras na vila pola ponte. Iso polo que corresponde a Cesures. Pontecesures é, digamos, un invento do ano 1925, cando a burguesía que reside na vila impulsa a independencia de Valga. Ata entón, chamábase Ponte Cesures a parte de Padrón que está do outro lado da ponte, o que hoxe se chama xustamente así, A Ponte.

—E por que se produciu ese cambio?

—Parece ser que unha das razóns e porque, daquela, chegaban moitas cartas á vila que tiñan como destino a Cesuras da Coruña. E probablemente pasase o mesmo ao revés. Cambiarlle o nome era unha cuestión de utilidade. Naqueles tempos tamén se cambiou o nome da parroquia de San Xulián de Requeixo, que pasou a ser San Xulián de Pontecesures, pero penso que ese cambio vaise reverter no próximo Nomenclator que está a preparar a Xunta para devolvelo ás súas orixes. San Xulián de Requeixo é a aldea na que naceu a vila, e de feito Requeixo é un nome que fai referencia á «cortadura» da que falabamos antes.

—E que quere dicir?

—Requeixo é o territorio que remata unha chaira. En realidade, no territorio de Pontecesures, desa cortadura no terreo, temos topónimos que o van explicando. É dicir, na parte máis alta da vila está O Castro, logo está Infesta —que ven sendo un lugar alto— e abaixo, Requeixo. Os nomes fan o percorrido completo da cesura.

—E no mapa de Pontecesures hai algún outro nome que lle teña chamado a atención?

—O de Porto, que primeiro foi Monte de Porto e despois Porto de Arriba e Porto de Abaixo. Nos anos sesenta do século pasado, descubríronse trabes de madeira que en teoría formaban parte do peirao vello. O Porto debía de ser o porto exterior —o interior estaba en Padrón—, e ao seu redor creouse unha aldea na que, arredor do ano 1.700 había máis mariñeiros que o de Ribeira.

La Voz de Galicia

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.