Dolores Benilde Castaño cumpre 102 anos en Valga: «De hoxe nun ano»

Publicado por Redacción o

O alcalde visitou á segunda veciña de maior idade de Valga, que celebrou os seus 102 anos.

O alcalde visitou á segunda veciña de maior idade de Valga, que celebrou os seus 102 anos.

É a segunda veciña de máis idade desta localidade do Baixo Ulla

Dolores Benilde Castaño Bandín é, por idade, a segunda cidadá de Valga. Este xoves celebrou o seu 102 aniversario, unha data sinalada para toda a familia e, obviamente, motivo de festa na casa. Así se notaba no seu domicilio en Laxes, a onde acudiron moitos achegados a felicitala e a celebrar con ela: a súa nora, o seu neto, sobriños e primos, tanto de Valga coma doutras localidades próximas coma Dodro.

A eles acabaron por sumarse o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, que agasallaron á centenaria cun ramo de flores e unha torta na que apagar as candeas. Non faltou tampouco un brinde, porque a Benilde aínda lle gusta tomar un chopo de viño a cotío.

Por esta muller parace que non pasan os anos, por máis que pasen. Faladora coma a que máis, conversou co alcalde sobre varios parentes e veciños de Valga e sobre algúns dos proxectos que se están a desenvolver no concello.

Nada no ano 1924 na aldea de Beiro, Benilde trasladouse a Laxes, tamén en Cordeiro, cando casou. Tivo un fillo, tres netos e dous bisnetos e durante uns anos residiu tamén na cidade de Pontevedra, onde traballou como cociñeira e rexentou unha pensión para estudantes na capital da provincia. É a segunda muller máis lonxeva de Valga, despois de María Tarrío, de Eiras, que no pasado mes de setembro cumpriu os 103 anos de vida.

A despedida do alcalde dada por Dolores Benilde foi toda unha declaración de intencións: «De hoxe nun ano», díxolle ao rexedor. Quen sabe, tal vez o segredo da lonxevidade se agoche nunha forma de levar a vida con calma, con alegría e cun toque de bo humor.

La Voz de Galicia

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.