O campamento itinerante reúne a xóvenes de 15 a 18 anos nunha experiencia de sete días que combina cultura, ocio e deporte ao longo de doce municipios
Por cuarto ano consecutivo, e segundo co patrocinio do Plan Social de Ence, Pontecesures forma parte da aventura do Campus Verde 2025, o campamento itinerante que do 25 ao 31 de xullo está a levar a cincuenta xóvenes de entre 15 e 18 anos por unha ruta apaixonante polas comarcas das rías de Pontevedra e Arousa.
A vila pontecesurense estableceuse como un dos campamentos base desta experiencia vital que vai moito máis alá dun campamento tradicional. Trátase dunha aventura formativa e de ocio que durante sete días percorrerá os municipios de Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo, Vilanova, Vilagarcía, Catoira, Pontecesures, Padrón, Valga, Caldas de Reis e Barro.
A Traslatio en piragua, protagonista en Pontecesures
Un dos momentos máis especiais da ruta terá lugar precisamente en Pontecesures coa realización da Traslatio en piragua desde Vilaxoán ata a vila. Esta actividade única permitirá aos participantes recrear o mítico traslado dos restos do Apóstolo Santiago, combinando historia, tradición e deporte nunha experiencia inesquecible.
Ademais, desde Pontecesures os expedicionarios poderán vivir outra das aventuras máis esperadas: baixar o río Ulla en rafting, descubrindo así o patrimonio natural da comarca desde unha perspectiva completamente nova.
Unha experiencia completa de aprendizaxe
O Campus Verde inclúe un amplo programa de actividades que van desde o coñecemento do oficio do marisqueo a pé, acompañando a mariscadoras nas rías de Pontevedra e Arousa, ata a navegación en galeóns desde Marín ata Vilanova de Arousa. Os participantes tamén farán buceo na ría de Arousa e percorrerán varios treitos do Camiño de Santiago.
A programación complétase con actividades de orientación, barrancos, paseos en bici e sendeirismo, que serven ademais como medio de transporte entre os distintos municipios. Tamén se desenvolverán accións medioambientais, como o coidado da senda de Lourizán dentro do proxecto Verde Pontevedra.
Grazas ao patrocinio do Plan Social de Ence, os cincuenta mozos seleccionados poden vivir esta experiencia única que combina formación, diversión e descubrimento do patrimonio natural e cultural das rías gallegas.