O fin do vertedoiro de Pontecesures

Pontecesures, coma moitos outros concellos,  ten un vertedoiro. Tras moitas accións e tempo, a Xunta ven de pechar e acondicionar este vertedoiro

Agora, cada seis meses haberá que facer uns informes para verifica-los parametros de recuperación da zona rehabilitada.

Está máis que claro que o problema dos vertedoiros, controlados e incontrolados non se amañan con concienciación senón simplemente con cartos, cartos para amaña-lo mal feito, e cartos de sancións.

Carlos Maside

(1897-1958)
Profesión: Pintor.

pinmas.jpeg
A siesta. Acuarela, 19,5 x 26 cm.

Biografía: Considerado pola crítica como referente ineludible do rexurdimento artístico iniciado por Castelao, Carlos Maside naceu en San Xulián de Requeixo (Pontecesures) en 1897. A adolescencia pasouna en Padrón como escolante e en Vilagarcía como empregado dun almacén. En 1917 trasladouse a Madrid a cumprir o servicio militar e entrou en contacto co ambiente dos debuxantes gráficos, ao que se dedicou de volta a Galicia. En 1923 participou na Coruña nunha exposición con catro caricaturas e traballou no Faro de Vigo e en El Pueblo Gallego, onde se encargaba dunha viñeta satírica diaria. Seguindo a súa etapa formativa, en 1926 a Deputación de Pontevedra concedeulle unha bolsa que lle permitiu matricularse nunha academia de pintura de París, visitar museos e acercarse ao panorama das vangardas abstractas e figurativas e ás formas de pensamento ideolóxico do período de entreguerras.

En 1931 instalouse definitivamente en Galicia: en Vigo e sobre todo en Santiago, onde realizou a súa primeira exposición individual, na que alternaban guaches e debuxos expresivos e populares co expresionismo dos primeiros óleos. A guerra civil afectouno profundamente e recluíuse nun misterioso e improductivo illamento, roto en 1945 ao sentir de novo a inquietude creadora. É a época da plenitude, de equilibrio entre a expresión e a técnica, de obras tan espléndidas como “A cacharreira”, “Dúas paisanas”, “Costureira”, etc. Todo este novo impulso truncouse en 1958, ano no que morreu en Santiago. Carlos Maside, que foi director artístico da editorial Galaxia no momento da súa fundación, en 1951 publicou o seu único escrito, o ensaio breve En torno a la fotografía popular. Luís Seoane, Rafael Dieste e Antonio Baltar decidiron que o museo que garda a obra e a documentación do Movemento Renovador da Arte Galega levase o seu nome.

Imaxe e texto de Sargadelos.com

Raimundo García Domínguez (Borobó)

(1916-2003)
Profesión: Xornalista

Biografía: Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Na Guerra Civil forma parte do Exército Republicano, cae prisioneiro no 39 e cumpre o servizo militar en Marrocos.

A partir do ano 1940, Raimundo García comeza a súa traxectoria xornalística e colabora cos xornais El Español, Madrid, La Estafeta Literaria e as revistas Fantasía e Finisterre. No ano 1946 edítase o xornal La Noche, no que Raimundo García ou máis ben Borobó, alcume co que se fixo coñecido, publica os seus famosos artigos chamados «Anacos». Neste xornal ocupou todos os cargos até chegar á súa dirección, cargo que tamén desenvolveu no xornal O Correo Galego e o Chan.
Posteriormente, marcha a Madrid facéndose cargo da subdirección do 3 E, o primeiro xornal económico. Por último, entra como redactor xefe de Archivos na Axencia Efe, onde permanece até a súa xubilación.

Colaborou ademais en La Vanguardia, ABC, Informaciones, Pueblo, El Pais, e Blanco y Negro, entre outros.

Recibe no ano 1996 a Medalla Castelao, outorgada pola Xunta de Galicia, e no seguinte ano, o Madrigallego de Ouro. Ademais foi recoñecido co premio de xornalismo Roberto Blanco Torres, co premio da Fundación Otero Pedrayo polo seu mérito na comunicación e no ano 2003 o Concello de Boiro noméao Fillo Adoptivo da vila.

Obras principais: Cómpre salientar os seus artigos «O novelo dos anacos» e «Anacos», as comedias Duce, Duce, ¿Quién mató al Meco?, Elección Parcial, Aura e El complejo de Polícrates e as narracións e guións de cine Xoán Porreás, Tina e La Piñeira.