Quen non recorda os grandes tempos da «movida cesureña», cando as rúas eran un mar de xente e entrar nalgún local era misión case imposible? Os hostaleiros de Pontecesures teñen esta imaxe gravada na súa mente e por iso, tras uns anos de vacas fracas, optaron por unir as súas forzar nun intento de que a noite de Pontecesures volva a ser o que era. Así naceu a Asociación de Hostalería, comandada por Xabier Freire Heleno, e da que actualmente forman parte un total de doce establecementos. Aínda que a iniciativa xurdiu dos locais nocturnos, acabaron sumándose tamén bares, cafeterías e incluso bocaterías e o experimento parece ir por bo camiño xa que «pronto seremos máis», apunta Freire, propietario do pub Kompló e o bar Víctor García.
¿Como foron os primeiros pasos desta nova asociación?
Era perceptible que o sector estaba un pouco de capa caída e démonos conta, por iso pensamos que o mellor para que rexurdira era xuntarnos para poder facer máis forza. Comezamos no entroido, cun concurso que tivo moito éxito e a partir de entón puxémonos a traballar en serio para constituir legalmente a asociación. Aínda que a idea partira dos locais de noite, o obxectivo é que o colectivo aglutine a todo o sector e, de feito, os bares xa comezan a integrarse tamén.
¿Cal cre que foi o motivo polo que Pontecesures deixou de ser unha zona de ocio nocturno de refencia?
Ninguna zona de copas se libra de pasar por momentos altos e baixos. A movida de Pontecesures remóntase a máis de vinte anos atrás e nunca houbera un baixón forte, algo que resultaba un tanto estrano. Finalmente tívolle que tocar, como tamén lle ocurriu a outros lugares como Boiro, Rianxo ou Caldas. Isto móvese por ciclos, pero creo que tamén influiu o feito de que non estabamos demasiado organizados e tivemos algunhas presións externas que non nos axudaron nada. Por exemplo, aquí exerceuse un control moi forte sobre os horarios de peche. Sabemos que a hostalería de noite xera problemas en todas partes, pero ás veces a xente só pensa no ruído e nesas cousas negativas sen percatarse de que en Pontecesures, un pobo de 3.000 habitantes, este sector xera polo menos cen postos de traballo. Ademais esta zona estivo moi descoidada e machacada, non só se fixo presión ós locais, senón tamén ós clientes, por exemplo con moitos controis da Garda Civil polos arredores.
(más…)