Incontestable. Así foi o trunfo do Kayak Tudense no Campionato Galego de Pista Sénior celebrado o pasado domingo en Castrelo de Miño, Ourense. Con máis do dobre de puntos co segundo clasificado, 1.144 fronte a 520, o club sureño non tivo rival nunha cita cun podio completado polo Breogán-Outón Xunqueiriña, subcampión, e o Náutico O Muíño de Ribadumia (418 puntos). O As Torres-Romaría Vikinga tivo que conformarse cun quinto posto (267 puntos), por detrás do Náutico Firrete (327). Os outros dous equipos da zona presentes na cita, o Náutico Pontecesures e o Piragüismo Cambados, foron undécimo (140) e vixésimo primeiro (5), respectivamente.
Breogán e Náutico O Muíño remataron ademais o Campionato Galego de Pista Sénior con cinco títulos individuais. No caso grovense, os colleitados polas súas embarcacións no C-1 200, C-2 200 e C-4.500. Nas tres, con Xosé Francisco Vales como común denominador, acompañado por Damián Ramos no C-2 200, e por este, José Manuel Sánchez e Fredi Bea na canoa de catro.
Tamén saíron de Castrelo de Miño como campións galegos os ribadumienses David Maquieira e Joaquín Boisa, no C-2 500, e María Pérez e Ana Valín no K-2 500. Destas dúas parellas saíron ademais as cinco medallas que a maiores obtivo o Náutico O Muíño na regata ourensá, con María Pérez colgándose a prata no K-1 200 e, xunto con Valín, no K-2 500 e no K-4 500. As dúas fixéronse ademais co bronce no K-4 1.000 facendo equipo con Beatriz Casaldarnos e con Cecilia Cores. Maquieira e Boisa acadaron pola súa banda un segundo podio, co seu terceiro posto na final do C-2 1.000.
Quince metais grovenses
O Breogán sustentou o seu subcampionato por equipos na súa extraordinaria colleita de medallas. Ademais dos tres títulos xa apuntados, o equipo conquistou media ducia de pratas e outros tantos bronces. Os subcampionatos chegaron da man de Damián Ramos, no C-1 1.000 metros; Jacobo Domínguez e Ángel Cristian Ribadomar, no C-2 1.000; Damián Ramos, José Manuel Sánchez, Xosé Francisco Vales e Tono Campos, no C-4 1.000; Campos, no C-1 500; e Campos e José Manuel Sánchez, no C-2 500 e no C-2 200. Acadaron o bronce: Tono Campos, no C-1 1.000; Rodrigo Germade e Álvaro Bravo, no K-2 1.000; Jacobo Domínguez, no C-1 500; Yoel Alonso e Álvaro Bravo, no K-2 500; Damián Ramos, no C-1 200; e Jacobo Domínguez e Ángel Cristian Ribadomar, no C-2 200. Proba esta última con triplete breoganista.
María Pérez e Natividad Busto déronlle ao As Torres as súas tres únicas medallas: prata no K-2 1.000 e bronce no K-2 500 e 200. O C-4 do Náutico Pontecesures completa a nómina de podios arousáns, co bronce na distancia de 500 metros. Javier Bouzas, André Oliveira, Adrián Vicente e Marcos Barreiro foron os seus integrantes.
En paralelo ao Campionato Galego de Pista Sénior desputouse en Castrelo de Miño o Galego de Pista de Veteráns, con tres postos de honra para sendos breoganistas: Marcelino Cacabelos e Arturo Manuel Garrido, primeiro e terceiro no C-1 1.000, e Simón Díaz, vencedor no K-1 1.000.
A VOZ DE GALICIA. MAIS INFORMACION EN http://nauticopontecesures.blogspot.com/
[photopress:CGPS_V_24.jpg,full,pp_empty]