O Concello de Pontecesures continúa na labor de prevención das drogodependencias, e ten elaborado un plan de actuación no ámbito escolar, a desenvolver nos vindeiros meses.
A iniciativa enmárcase no convenio firmado polos concellos de Catoira e Pontecesures e coa colaboración do colexio de Infantil y Primaria cesureño, no que se celebrarán as charlas.
Este plan de prevención, consta dun Programa de Adestramento en habilidades sociais (3º ciclo de Educación Primaria, 5º e 6º curso), realizado en seis sesións dunha hora de duración traballando de forma activa e participativa temas como a asertividade, empatía, autoestima, presión de grupo e acoso escolar.
Por outra parte, levarase a cabo un programa de Prevención Específico con Adolescentes (1º, 2º, 3º e 4º de E.S.O). Mediante charlas, obradoiros, coloquios, e a proxección de material audiovisual, e co apio para a realización de actividades duns cadernos entregados a cada un dos alumnos, o programa de prevención específico con adolescentes, busca potenciar os factores de protección dos alumnos, á vez que os capacita para ser críticos coas mensaxes que os inciten ao consumo de drogas, sobre todo tabaco, alcohol e cannabis; entre outras das estratexias que favorecerán este rexeitamento crítico ao consumo, estaría a capacidade para identificar situacións emotivas negativas, á resistencia á presión do grupo ou a aprendizaxe de estratexias de resolución de conflitos e a procura de apoio na familia nos momentos máis difíciles.
A actividade estrutúrase en sesións dunha hora de duración con cada un dos grupos, até conseguir un total de 8 sesións.