Acondicionamento do cemiterio municipal de Pontecesures.

O persoal do Servizo de Obras do Concello de Pontecesures xa comezou as tarefas de mantemento e limpeza do cemiterio municipal de Condide co obxectivo de que os vecinos e veciñas o atopen nas mellores condicións de cara a vindeira festividade de Todos os Santos.

Os traballos consisten, básicamente, no desbroce dos xardíns que decoran o camposanto, e a  limpeza en xeral, evitando así a acumulación de vexetación e dando unha visión de limpeza a quen visite este lugar nos próximos días.

Por outra banda, o Concello de Pontecesures está a preparar un operativo coa presenza da Policía Local e de Voluntarios de Protección Civil pola mañá e pola tarde ante a habitual  afluencia de xente aos camposantos de Condide e San Xulián no día de Todos os Santos.

 

 

Proxectos concedidos polo AGADER a Pontecesures

O Diario Oficial de Galicia fai público hoxe o resultado da convocatoria da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) do proceso de selección da convocatoria para subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, promovidos polos concellos e mancomunidades de concellos para o ano 2012.

O Concello de Pontecesures obtén subvencións para tres dos proxectos presentados, como son a instalación de paneis de enerxía solar térmica para auga quente sanitaria (AQS) no campo de fútbol municipal,  instalación de paneis de enerxía solar térmica para AQS no Club Náutico de Pontecesures e o proxecto integral de sala multiusos dixital (aula TIC).

O goberno municipal de Pontecesures congratúlase das inversións acadadas para o concello, fruto da xestións feitas meses atrás.