Ampliación de cobertura da rede wifi da Biblioteca

No día de hoxe púxose en funcionamento a antena wifi do tellado da biblioteca.

Isto fará que a cobertura da wifi chege mais lonxe. A partires de agora poderemos entrar en internet dende o Mirador do Pino Manso.

Para poder acceder, simplemente hai que localizar a rede co nome de WIFIBIBLIOTECA e pinchar sobre ela. Non será necesario ningún tipo de contraseña.

Para non colapsar a actual rede da biblioteca soamente estará operativa entre as 20 horas e as 16 horas de luns a venres. O sábado e o domingo estará operativa as 24 horas.

Posta en marcha de novo do servizo de Educación Familiar en Pontecesures

Logo de que no mes de marzo o Concello de Pontecesures quedara sen o servizo de Educación Familiar ao non ser este subvencionado pola Xunta de Galicia, o pasado 14 de setembro realizouse a solicitude de adhesión ao convenio coa Deputación de Pontevedra para o cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Así pois, e en virtude dese convenio, a partires do 1 de outubro poráse en marcha de novo o Servizo de Educación Familiar no Concello de Pontecesures.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade presenta en Pontecesures un conto para crear conciencia solidaria.

‘Antía, Wamba e o regato pequeno’ é a proposta ideada pola compañía A Tropa de Trapo para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
O espectáculo está  baseado en historias con música en directo e dirixido a un público familiar

A xira do novo espectáculo de contacontos deseñado pola compañía A Tropa de Trapo para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade chega o sábado 29 a Pontecesures. Grazas ao apoio do Concello, socio da entidade municipalista, o Centro Social acollerá a representación de ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’, a partir das 20.30 horas.

Marta Ortiz e Brais das Hortas volven apostar polas historias con música en directo, desta volta dirixidas a un público infantil e familiar, sen límite de aforo. A obra está protagonizada por Antía, unha nena galega, e Wamba, un mozo do Congo que se busca a vida vendendo de todo na rúa. Os contos del e as merendas dela fundiranse nunha amizade que lle aprenderá a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, como din na tribo de Wamba, o río énchese con regatos pequenos.

‘Antía, Wamba e o regato pequeno’ tómalle o relevo aos ‘Contos coas mas abertas’, que desde 2010 percorreron un total de 61 escenarios de 48 Administracións socias do Fondo Galego, colleitando unha excelente acollida.