Dende o día 1 ata 30 de marzo, queda aberto o prazo para a presentación de solicitudes de praza para os campamentos de verán organizados pola Deputación de Pontevedra nas súas instalacións de A Lanzada.
As estancias realizaranse entre o 24 de xuño e o 8 de setembro, nun total de once quendas, cunha duración de unha semana, e cun prezo de 68 ?. Dado que esta contía pode resultar de difícil acceso para moitas familias do concello con escasos recursos económicos, igual que en anos anteriores, establécense bolsas económicas para financiar o copagamento con dous importes, do 80% do custe para familias cunha renda inferior ao SMI (máis un 20% por cada membro adicional) e do 50 % no caso de que a renda supere este límite pero sexa inferior a 1,5 SMI (incrementado igualmente nun 20% por cada membro adicional da unidade familiar).
A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Pontecesures encargarase da recollida e envío das solicitudes presentadas, así como do procedemento de adxudicación das Bolsas. Lembrar que esta convocatoria vai dirixida a nenos e nenas nados entre 1999 e 2004. Os interesados poden recoller os formularios no departamento de Servizos Sociais do Concello, e tras cubrir a solicitude de praza e a ficha de inscrición, deberán presentalas no Rexistro Xeral do Concello, acompañadas do documentación requerida (copia do DNI do pai, nai ou titor e do menor demandante, así como a súa tarxeta sanitaria ou seguro médico e certificado de empadroamento).
A finais do mes de abril, a Deputación de Pontevedra efectuará un sorteo ante notario para adxudicar as prazas entre todas as solicitudes presentadas na provincia. A lista de admitidos así como a de espera publicarase na web do organismo provincial, www.depo.es, a partir do dous de maio, así como no taboleiro de anuncios do Concello.
Máis información, descontos e documentación a presentar no seguinte enlace: