O pasado 6 de agosto, o alcalde de Pontecesures, Álvarez Angueira, decretou a paralización da obra de instalación de postes na praza dos Valeiros de Porto por parte dun establecemento de hostalería por non contar con licenza municipal, logo de interesarse a oposición no pleno do 30 de xullo por estes feitos.
Non se respectou a paralización, e o sábado 11 de agosto rematou a colocación do toldo, e xa no seu día consideramos este decreto un mero paripé da primeira autoridade local.
Pois ben; co toldo xa colocado, o alcalde, con data 17/08/12 reiterou por decreto a suspensión inmediata das obras, ante os informes da policia local, dicindo que senón se respecta este novo decreto precintará as obras e os elementos auxiliares da actividade, apercibindo ademais que se hai incumprimento dará conta dos feitos ao Ministerio Fiscal.
Outro papel mollado, vemos que o alcalde volve con paripés para a galería. Reitera unha paralización coa obra terminada e coa terraza do establecemento en plena actividade.
Non entenden nin o PP nin a ACP como a actividade de terraza segue como se nada pasara, dándose a impresión de que se pretende que se vaia esquecendo a ocupación e que a instalación quede alí fixa para sempre.
Non estamos de acordo con que nunha praza cun cruceiro monumental sexa colocado un palco dende a fachada do establecemento ata o bordillo da amplia beirarrúa obrigando aos veciños a pasar polo dominio público entre as mesas e cadeiras e/ou baixo un toldo. Non vale a desculpa do goberno local de que hai que esperar polo informe de Patrimoio da Xunta. Independentemente do contido dese informe é o Concello e non Patrimonio o que ten que velar pola defensa do dominio público de todos e coa inmediatez que precisan as ocupacións destes espazos.
Tanto o PP como a ACP queremos criticar a postura do goberno local en todo este asunto, mirando para outro lado, superado pola situación, e sen autoridade ningunha na rúa. Unha completa ineficacia é a que está a percibir toda a veciñanza.
Co alcalde titular de vacacións ata o 31 de agosto, só nos queda esperar que o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de obras, Ángel Souto Cordo, tome cartas no asunto xa que é alcalde en funcións nestes días. Remotas esperanzas temos, dende logo, tendo en conta a súa xestión durante todo este tempo á fronte da concellería delegada que ten.
Concello
Souto Cordo alcalde accidental de Pontecesures.
Dende o día 20 de agosto e ata o día 31, inclusive, o 1º tenente de alcalde, Ángel Manuel Souto Cordo é o alcalde accidental de Pontecesures, segundo o decreto do 17 de agosto asinado polo alcalde titular, Manuel Luis Álvarez Angueira. As razóns da delegación son a ausencia do término municipal para desfrutar de vacacións.
Concello
Volven os apagóns no alumeado público nas rúas centrais.
Na rúa San Lois, dende a intersección co rúa Carlos Maside e ata o paso a nivel central coa Plazuela incluída, permanece apagado a alumeado público nesta noite do 21 ao 22 de agosto.
Esperemos que sexa corrixida a avaría canto antes.
Concello
Dificultades para acceder ao Pozo da Cornelia en Pontecesures.
Os veciños das vivendas do Pozo da Cornelia en Porto/Pontecesures, están a ter dificultades para acceder ao lugar. A pista que parte da rúa Calera ata alí está invadida con gran cantidade de maleza e isto afecta ao paso dos vehículos. Deste xeito, queixanse os propietarios pola inactividade municipal e parece que os veciños dun dos lugares máis apartados do centro da vila quedan abandonados á súa sorte.
Dende a ACP solicitamos ao alcalde e ao concelleiro de obras que se acometan os traballos de limpeza das marxes desta pista con toda celeridade.
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures
Concello
A Comisión de Obras informa favorablemente a demolición da casa en ruínas de San Lois 24.
Varios meses leva o valado colocado na beirarrúa desta casa fronte a Plazuela polo perigo de derrubo existente. Presentado pola propiedade proxecto para a súa demolición, no día de hoxe, logo de analizarse o informe técnico, informouse favorablemente a concesión da licenza de demolición por parte da Comisión Informativa de Obras, Urbanismo e Servizos.
A concesión da licenza por parte da Xunta de Goberno Local é inminente e esperemos que a execución da obra se realice o antes posible.
Concello
A imaxe dunha vila.
Durante toda a mañá de hoxe domingo, este foi o estado dun dos bancos da Plazuela de Pontecesures (leva así dende a noite de onte sábado). A xente que entraba e saía dos oficios relixiosos da mañá comentaba a incidencia e dicíalle aos nenos que se alonxaran de alí por razóns de salubridade.
Non sei se houbo servizo de limpeza esta noite pero fora como fose non se pode dar esta imaxe de abandono a veciños e visitantes. Desgrazadamente está a ser a ser o mellor resumo dos catorce meses que leva no poder o goberno local.