Actos vandálicos na noite de San Xoán en Pontecesures.

Ata o de agora, tense constancia dos seguintes:
-Foron arrincados os cadros do subministro de enerxia eléctrica do Pavillón Municipal e do Centro de Saúde. Neste último edificio foi necesaria unha actuación urxente para que tivera subministro, xa que a actividade médica comeza a primeira hora da mañá.
-Rompéronse varios cristais na zona traseira do edificio do Club Xuvenil, situado na rúa “Borobó”, e houbo varias pintadas nas portas traseiras e no muro de contención que está fronte ás mesmas.
-Foi botado pegamento (Loctite ou similar) na pechadura da porta da biblioteca municipal.
-Un contedor situado a carón da primeira rampla do peirao (rúa Eugenio Escuredo) foi arroxado ao río. Na mesma rúa foi danada unha papeleira.
-Romperon a base dun sinal informativo do Miradoiro do Galiñeiro situada na rúa Ullán.

Por outra banda, tentouse queimar o contedor de cartón situado detrás da Casa do Concello, pero foi evitado a tempo.

A denuncia na Garda Civil será presentada nas próximas horas.

Este é o triste balance da noite. Sen dúbida hai xente que non sabe divertirse. Algo falla na sociedade que vivimos.

Esta noite haberá un operativo especial da Policía Local e de Protección Civil de Pontecesures.

Por mor das fogueiras de San Xoán e das festas que organiza a veciñanza, esta noite do 23 ao 24 de xuño haberá un operativo especial da Policía Local e de Protección Civil de Pontecesures para garantir, dentro do posible, a seguridade das persoas e dos bens.
Esperemos que non haxa incidencias salientables, facendo un chamamento para que se respecten os bens de todos. Unha cousa é a diversión, e outra, ben distinta, e causar danos sen sentido algún, en bens públicos ou privados.
Tamén se contará coa presenza de efectivos da Garda Civil de Valga.

Varios traballadores do Concello de Pontecesures tiveron onte unha cea, con festa rachada

A cea celebrouse baixo unha carpa instalada no campo de festas de Carreiras e foi organizada polo traballador municipal José Manuel Moreiras Eitor. De menú houbo empanadas, dous carneiros ao espeto e postres diversos.
Á cea acudiron unhas 25 persoas entre as que estaban a alcaldesa Maribel Castro e o primeiro tenente de alcalde, Rafael Randulfe.
Tamén houbo festa rachada por todo o alto con música, queimada, baile e incluso fogos de artificio ata ben entrada a madrugada.

Mañá vaise presentar a oferta de emprego para contratar 10 traballadores desempregados en Pontecesures.

A consellería de Traballo e Benestar ven de conceder unha subvención de 96.392,22 euros ao Concello de Pontecesures para contratar 10 desempregados perante 6 meses (9 peóns de construcción e 3 para a limpeza de edificios), con cargo aos Plans de Cooperación 2009.
Mañá será presentada a oferta na Oficina de Emprego de Vilagarcía. Faise un chamamento aos desempregados para que comproben os seus datos en dita oficina, pois a sondaxe por parte da administración autonómica vaise facer canto antes. Facilitase información tamén na oficina do técnico de emprego do concello. José Francisco Rodríguez Fructuoso.
A selección será realizada logo por un tribunal técnico do concello, pero en base á lista que lle envien dende Vilagarcía.