Oliveira e Maquieira, en canoa, e Otero, en kaiak, compiten no selectivo dos 200
A Regata Nacional de 200 e de 500 metros concentrará esta fin de semana os mellores especialistas de 65 clubs nas augas de Verducido. Na antesala da cuarta e penúltima proba da Liga Nacional de Pista Olímpica, o encoro pontevedrés serve hoxe de campo de regatas do control selectivo programado pola Real Federación Española de Piragüismo (RFEP) para a escolla dos representantes hispanos nas probas individuais dos 200 metros do vindeiro Campionato de Europa Sub 23. O que se celebrará do 30 de xuño ao 3 de xullo na capital de Croacia, Zagreb. E alí confían poder competir tres padexeiros arousáns.
O cesureño André Oliveira, piragüista do Náutico Firrete, e a pérola do Náutico O Muíño, David Maquieira, pelexarán pola única praza dispoñible no C-1 200. Faráno nunha final directa, na que terán no mallorquín Alfonso Benavides, do Club Náutico Port de Pollença, o seu principal rival. Os tres foron, de feito, compañeiros no 2010 no grupo de tecnificación de canoa sub 23 que a RFEP ten concentrado en Verducido.
Paulino Otero, compañeiro de Maquieira no Náutico O Muíño, buscará pola súa parte un dos dous billetes para o K-1 200 do Europeo Sub 23 en xogo no selectivo de hoxe. E como os canoístas, será nunha final directa, con tres opoñentes principais. Joan Ardit, do Kayak Tudense, Carlos Garrote, padexeiro do Iberdrola Caja España-Duero Zamora, e Cristian Isaac Toro, do Talavera Talak.
A final do K-1 200 disputaráse ás 10.30 horas, e un cuarto de hora despois daráselle a saída ao selectivo do C-1 200.
LA VOZ DE GALICIA, 13/05/11