Os campamentos desenvolveranse en 11 quendas que se iniciarán na última semana de xuño
Por medio dun sorteo informatizado e ante notario elixíronse esta mañá aos 2.200 nenos e nenas que participarán, a partir do 24 de xuño, nos campamentos de verán de A Lanzada, que organiza a Deputación Provincial.
En total foron 4.700 as solicitudes presentadas por rapaces e rapazas de toda a provincia, o que dá mostras do gran éxito e interese que esperta entre os pontevedreses esta actividade lúdica. No transcurso do sorteo, a deputada provincial Begoña Estévez lamentou que moitos dos solicitantes non poidan acceder a unha praza e incidiu na intención da Administración provincial de tratar de aumentar cada ano as prazas para dar cobertura ao maior número posible de cativos, como o demostra o feito de que os primeiros campamentos contasen con 400 rapaces e hoxe sexan 2.200 os que poden participar nesta actividade.
Os participantes nos campamentos deste ano farano en 11 quendas, que se iniciarán o 24 de xuño e finalizarán o 8 de setembro, cunha duración de 7 días cada unha.
En cada unha das quendas participarán un total de 200 nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos, que durante o desenvolvemento do campamento terán ocasión de participar en excursións e distintas actividades como sendeirismo, vela, unha viaxe a Ons e outras relacionadas coa natureza e o mar.
No sorteo, que se realizou de forma electrónica, déuselle prioridade a aqueles participantes que non obtiveron praza na campaña do verán do ano pasado e tivéronse en conta outras cuestións como que os solicitantes sexan irmáns ou as prazas asignadas a cada Concello en proporción a súa poboación.
Os primeiros participantes disfrutarán do campamento de A Lanzada entre o 24 e o 30 xuño; a 2ª quenda será do 1 ao 7 xullo; a 3ª, do 8 ao 14 xullo; a 4ª, do 15 ao 21 xullo; a 5ª entre o 22 e o 28 xullo; a 6ª entre o 29 de xullo e o 4 de agosto; a 7ª entre o 5 e o 11 agosto; a 8ª, entre o 12 e o 18 agosto; a 9ª, entre o 19 e o 25 agosto; a 10ª, entre o 26 e o 1 setembro; e pecharán os campamentos os que participen na 11ª quenda, entre o 2 e o 8 setembro.
Os campamentos de verán de A Lanzada forman parte dos servizos que ofrece a Deputación Provincial para os máis cativos, e representan, tal e como salientou a deputada Begoña Estévez durante o sorteo das prazas, unha contribución para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e, tamén, supoñen unha alternativa de lecer para os nenos e nenas da provincia, que se forman así en valores sociais, humanos, deportivos e de respecto ao medio ambiente.
PÁXINA DA DEPUTACI?N PROVINCIAL DE PONTEVEDRA