Hai case dous anos que están dispoñibles os decodificadores de TDT. Cando saíron ó mercado, a campaña publicitaria foi unánime por parte de tódalas canles televisivas para que nos apuntasemos a mercar un deses aparatos que segundo eles nos permitirían disfrutar da «tele do futuro». Aqueles que picaron e mercaron o trebello, cedo se decataron de que, en efecto, dispoñen de 22 canles, e con mellor calidade de imaxe. Eso si, tamén se decataron de que a programación da «tele do futuro» se compón nun 95 % de repetición da «tele do pasado», vaia ironía. Lémbranse vostedes de «Al salir de clase», «Farmacia de guardia» ou «Médico de familia»?. Os programadores da TDT si que se lembran e emiten varios capítulos destas series diariamente…Que castigo!
O apagón analóxico estreouse na Fonsagrada e con este motivo as compañías de televisión volven á carga unha vez máis para tentar convencer ós que aínda non nos animamos a mercar o decodificador. Basean a súa campaña unicamente en vendernos a calidade de imaxe que a TDT nos vai ofertar. Sinceramente, se a «televisión do futuro» só significa ter máis calidade de imaxe pero non trae ningún incremento na calidade da programación, eu non quero un decodificador nin regalado.
Columna «La televisión como tú la ves» de Damián Paredes.
SANTIAGOSIETE, 11/04/08