Os números falan claro.

Artigo de José María Bello Maneiro, alcalde de Valga (LA VOZ DE GALICIA, 11/03/12).

Sobre o debate que se está a ter, se é necesario ou non proceder en España a unha fusión de concellos, penso que os propios números contestan esta pregunta. En España hai a día de hoxe máis de 8.000 concellos. Concellos que nun 80% dos casos contan cunha poboación inferior aos 3.000 habitantes. Se imos a Galicia, 2.800.000 habitantes distribúense en 315 concellos, cunha poboación mna maioría dos casos de entre 1.000 e 2.000 habitantes. Non hai dúbida que este número de concellos é excesivo, e dadas as dificultades económicas que está a sufrir neste momento o Estado, claramente habería que empezar a reducir o número destes.
Está claro que cuns concellos máis grandes e fortes aforraríanse moitos cartos, pois o custe servizo/habitante reduciríase notablemente. Agora ben, ¿cal sería o número ideal de poboación para estes concellos?. Habería que ver cada caso en concreto e o número de concellos a fusionar, pero o que si crreo é que ningún debería ter unha poboación inferior aos 10.000 habitantes. Poderíase facer por fases e nunha primeira fusionar concellos para chegar a un mínimo de 5.000 habitantes e a partir de aquí e con esa fusión xa asentada, ir a concellos de 10.000 habitantes mínimo. E sempre tendo en conta que deberían ser concellos limítrofes e que xa hoxe en día presentan moitos vínculos entre eles.
Concellos máis grandes que estarían encadrados en estruturas tamén maís grandes. Xa non tería sentido falar de comarca de Caldas, comarca de Arousa; é dicir, estas tamén terían que fusionarse en comarcas máis amplas e influíntes.
¿E como se faría esta fusión?. O idóneo seria que se fixera voluntariamente, previa aceptación da poboación de cada un dos concellos a través dun referendo. Agoara ben, dado o apego que a xente ten polo seu concello, penso que dificilmente esta votación sería positiva na maioría dos casos; polo cal a solución sería que Madrid ou Bruxelas impuxera esas fusións.
E non sería a única administración que teriamos que revisar. Un exemplo, pero que non sería o único, é o do Senado. Penso que é unha institución que como mínimo habería que dotala de novas competencias. ? redundante, cuando estamos a traballar por simplificar a administración.

Nós e o medo ante a dereita.

Xabier Ron é profesor no CPI Pontecesures.

Non é doado falar do medo. «O medo garda a viña e non quen a vindima», «O que ten cú, ten medo», recóllese no Refraneiro galego de Taboada-Chivite. O saber popular sempre deu forma de sentenza ao medo: quizais, unha forma de dominalo.

O medo maniféstase. Exprésase. E cando se impón ao resto das nosas emocións, asoballándoas, fainos actuar. De que forma? Esa é unha interesante cuestión que ten tantas respostas como persoas hai.

Pode que me equivoque, pero, nas diferentes manifestacións, concentracións e protestas vividas o domingo 19 de febreiro e o xoves 23 de febreiro, en contra da reforma laboral e en contra da reforma da función pública, podía albiscar na unión daquelas persoas o desexo de vencer o medo. O colectivo como protección. O N?S que resgarda ao EU dos adversarios exteriores que o circundan.

Outra cousa é a utilidade, hoxe que todo se move en rendibilidades, dos nosos actos. Só como exteriorización dun enorme descontento fronte ao que é inxusto? Como demostración «interesada» de que é posible ir máis aló nas futuras accións de protesta?

De todo puiden escoitar. Mesmo un amigo espúxome un rápido discurso non improvisado sobre as folgas xerais en Galicia e sobre as condicións para o seu éxito ou non. Os sindicatos mesmo están organizando charlas pedagóxicas nas súas asembleas e centros de traballo para comprobar o grao de implicación das bases nunha suposta folga xeral. Está ben comprobalo. Faise porque existe temor. Os dirixentes temen un posible fracaso na convocatoria e, xa que logo, a posible des-posesión de instrumentos que presentar aos belixerantes políticos da dereita para convencelos de que están equivocados.

Non se cometa, de todos os xeitos, o erro de tratar unha folga xeral coma se esta fose un fin en si mesmo. Como se non existisen outras modalidades de resistencia e de confrontación. A folga xeral debe ser un medio para demostrarlle a quen elabora normas inxustas que se equivoca e que debe retroceder. E sabedora de que isto é así a patronal quere conculcar ese dereito.

Diversas circunstancias serven para, en cada un de nós, dar forma ás nosas dúbidas, aos nosos temores, aos nosos medos. E esas circunstancias dan e quitan sentido á nosa vida. Por iso, hoxe, cando o presente se conxuga de forma inestable e veloz, non debe causarnos abraio o permanente temor perante o futuro. Os propios belixerantes sábeno: describen con fatalismo as letras do noso futuro co fin de ir modelando e esculpindo as imaxes do medo no noso interior. O propio Séneca advertíanos contra isto: «Calamitosus est animus futuri anxius» (Desgraciado é o espírito angustiado polo futuro»).

A ese medo responden as conversas sobre o vindeiro mes de marzo, sobre o momento posterior ás eleccións andaluzas e asturianas, sobre o momento no que se anuncien os orzamentos para o 2012. Os axentes neoliberais e os da dereita que nos malgobernan non desaproveitan ocasión para introducir a perspectiva fatalista perante o futuro, mesmo ante o micrófono supostamente pechado, eloxiando a capacidade de abnegado sacrificio do pobo que supostamente aceptaría resignado os sacrificios necesarios para sacar «España» da crise. Todo está perfectamente estudado. Calculado. Coma nun xogo militar no que se trata de ir introducindo pezas nas liñas inimigas para, no momento oportuno, dar o golpe conquistador. Xogan co medo do pobo.
Como suxeitos, indivíduos situados fronte a unha situación de incertidume, de temor á perda do que se ten (unha mínima seguridade laboral para facerlle fronte aos gastos da vida), é factible que decidamos non facer nada que presupoña desestabilizar esa delicada estabilidade. Unha amiga, cando debatíamos sobre se faría ou non folga no caso de convocarse de forma unitaria (todo o que non sexa unitario é un erro, ou como di un amigo historiador, un rito; téñase en conta onde se desenvolve o escenario principal na toma de decisións sobre a reforma laboral), alporizouse e díxome: «olla a prensa de hoxe e verás como mesmo os sindicatos, que afirman desexar tumbar a reforma laboral, xa a están aplicando cos seus propios traballadores……entón, por que teño que arriscarme e perder o que me queda?».

E é que semella que os efectos de castigo derivados dunha folga serán superiores aos efectos beneficiosos. Por iso, a resignación, a abnegada obediencia ás imposicións (algúns poden chamalo mesmo prudencia) poden impoñerse aos desexos de loita, de reparación, de xustiza, de traballo digno e con dereitos.

E pode ser certo. Por que, en caso de facerse unha folga xeral como ditan os cánones de loita obreira (con unidade sindical, coa cooperación da forza política da esquerda, coa pedagoxía necesaria para paralizar o consumo enerxético e a produción do país), quen nos garante que o PP vai escoitar ao pobo? Alguén escoitou o que berrou durante incesantes días e noites o pobo grego? Modificou unha liña dos documentos Sarkozy despois das numerosas e concurridas manifestacións e folgas que paralizaron Francia durante días e días?

Que nos queda entón? Aceptalo, sen máis?

Eu digo non. Cómpre camiñarmos xuntos, vencendo ese medo que nos afoga cando estamos sós. N?S somos algo máis ca unha suma desconexa de persoas. Podemos debuxar un escenario ideal: comezamos desde xa cun clima permanente de mobilización nos centros de traballo (peches (incluídos centros de ensino) e redución/paralización das cadeas de produción por sectores, etc.); animamos a unha derrota da dereita en Andalucía e Asturias, e lle engadimos unha convocatoria unitaria de folga xeral, de seguemento masivo, que dure algo máis ca un día, que poña os luminosos indicadores de consumo enerxético cáseque a cero, que paralice o consumo, que obstaculice o xogo especulativo dos mercados: todo isto…, que efectos tería?

En todo caso, o futuro a medio prazo pasa pola conquista dos escenarios onde se toman as decisións que máis nos afectan. O control das institucións europeas, dos países europeos dominantes, o estado español e o noso país está en mans da dereita e das oligarquías financeiras. Mentres iso suceda, nada se pode facer.

Por iso, considero que os procesos constituíntes do novo futuro, que deben dar corpo a unha nova democracia, pasan pola re-conquista do imaxinario social (educación, cultura, información,…), e onde a mobilización permanente, crítica e constante da clase traballadora se una á conquista das institucións onde se elaboran as leis, para que estas sexan voz do corpo social da maioría.

Xabier Ron
Galicia Confidencial 27/02/12

Mércores de cinza.

Columna «Devagar», Por Xavier Senín (Escritor).

UN ANO os rapaces formárona boa no entroido. Polo menos, a maioría da xente apuxéralles a eles aquela entroidada. A tarde do martes de entroido apareceu un grupo de choqueiros, que así era como se chamaba alí a xente que se disfrazaba. Ían todos vestidos de farrapos, con pezas de roupa vella de muller que colleran pola casa nos baúis dalgún fallado. A cara levábana tapada con caretas de cartón que deberan comprar na tenda da Luzdivina, por máis que despois ela asegurase que non eran das que ela tiña a vender. Todos eran homes, polo empeño que poñían en disimular as súas voces verdadeiras falando de falsete. Con todo, víase que procuraban falar o menos posible e non levaban reloxos no pulso nin calquera outra cousa que puidese identificalos. Paseaban xuntos pola rúa e íanse metendo coa xente coa que se cruzaban, facendo referencias a pequenas cousas que demostraban que eran bos coñecedores do que se cocía na vila. Algunha xente asustárase e andaba cos nervios á beira de todo porque quen máis quen menos tiña algo que rañar e non quería que se soubese. Unha das persoas máis afectadas foi a Manuela, que liscou coma un foguete para a casa, logo de lle cuscubiñaren dous deles algo que só ela escoitou. Ninguén sospeita o que podía ocultar a muller, pero debía ser asunto serio pola reacción que tivo. O grupiño aquel esvaeuse con tanto misterio como aparecera e nunca máis se soubo, por máis que houbo quen tentou identificar aqueles entremetidos.

Ao día seguinte era mércores de cinza e aínda que non existía obriga de asistir á misa coma nos días de precepto, nalgunhas casas mandaron a xente nova á cerimonia. Na misa o cura foilles marcando na fronte unha cruz coa cinza mentres pronunciaba aquelas palabras en latín que parecían máxicas, sobre todo aquilo de «… et in pulverem reverteris». O abade, mentres cumpría o rito, fitaba os mozos un a un para tentar adiviñar quen foran os responsables do que pasara o día anterior. Ningún deixou traslucir nada e, por certo, a Manuela aquel día non pisou a igrexa.

EL CORREO GALLEGO, 20/02/12

Escritor

Padrón: desfile de récord.

Habrá que esperar a los resultados, pero por el enunciado del propósito (vestir a 60 niños de carnaval con 8 euros) no cabe por menos que felicitar la imaginación y capacidad de ahorro de las monitoras de la escuela infantil de Padrón, promotoras de medida tal ejemplarizante. Al margen de ello, lo que realmente preocupa es la insensibilidad de las instituciones públicas para, a pesar de la crisis, dotar a la escuela del necesario material didáctico. Asusta pensar con qué carencias se efectúa la docencia.

EL CORREO GALLEGO, 17/02/12

Produto financeiro.

TI?AN o costume de saír cear con amigos unha vez á semana, logo dúas veces no mes e últimamente a cita xa se vai rareando por razóns evidentes para todo o mundo. Con todo, procuran esquecer o medo que se respira no ambiente porque, se ben o miran, eles, que gozan de bos e seguros empregos, son uns privilexiados. A última vez, o mes pasado, entraron no restaurante e sentaron no lugar que lles tiñan reservado. Pouco despois chegaron cinco persoas que se colocaron nunha mesa preparada para seis comensais. Durante algo máis de cinco minutos quedou baleiro un dos asentos e mentres tanto os demais foron mirando os menús que lles fora entregando o camareiro.

Despois todo pasou moi rápido e ninguén sabería explicar como se iniciou aquel barullo que se formou. Polo visto, nada máis entrar o sexto comensal que faltaba para completar a mesa, alguén comezou a sinalalo co dedo e a facelo responsable dalgún dos problemas que sofre o país. A seguir, escoitáronse insultos, aillados ao primeiro, unánimes despois. Parecía coma se o resto da xente que estaba no comedor se fora quentando até que os improperios se fixeron tan xerais que aquelas seis persoas non tiveron máis remedio que erguerse e saír por onde entraran.

Logo viñeron os comentarios. Aquel home fora un dos máximos responsables dunha das caixas e marchara para a casa cos petos ben cheos. Logo, comezaron a enumerar as falcatruadas que toda aquela xente estivera facendo sen que houbese quen lle puxese freo. Un dos amigos que estaba ceando contoulles o caso duns tíos seus, moi maiores xa, que se viron enganados coa oferta dun novo produto financeiro que, segundo lles explicaron, era completamente seguro porque poderían recuperar os cartos cando quixesen. Non só non gañaron nada, senón que agora que necesitan amañar a casa porque lles chove dentro, non poden botar man deses poucos aforros que foran xuntando nos seus moitos anos de traballo. E o director que os atendera na súa oficina de toda a vida desapareceu coma se o tragase a terra.

Xavier Senín (Escritor)

EL CORREO GALLEGO, 13/02/12

O tráfico castiga Padrón.

Os veciños da zona padronesa do Bordel amosaron o desgusto e malestar polo excesivo tráfico e, aínda máis, pola velocidade de competición dalgúns vehículos a pesar do angosta da pista que cruza esa zona e o elevado número de peóns que a cotío a utilizan. Teñamos en conta que ademais de cantos alí residen, hai servizos como o da estación de autobuses, un tanatorio, cuartel da Garda Civil, vial hacia Extramundi, supermercados, paso de peregrinos do Camiño Portugués a Santiago, etc.

Con anterioridade, e deixando á parte os atascos e longas colas da N-550, xa nesta columna padronesa comentaramos tal situación, que reiteramos pola necesidade de que se tomen as medidas en evitación de que o perigo se converta nalgún mal maior e contra o que de nada valerían as lamentacións.

Algo semellante ocorre coas outras pistas alternativas como a citada, que circundan o perímetro urbano; a da parte norte da canle de derivación do Sar, ou a do «finisterre padronés», por exemplo. Todas moi utilizadas como paseos. En todas elas o tráfico circula a velocidades esaxeradas co perigo como antes diciamos para a cidadanía de a pé.

Pero non é novidade O Bordel, para onde xa o anterior goberno local do PP anunciara no mes de xullo do ano 2003, a través do concelleiro Ángel Vázquez, o proxecto de urbanización dun quilómetro desta zona onde varias empresas da construción se interesaran en edificar, pero que logo coa chegada da crise todo quedou paralizado sen que neste sentido ata o día de hoxe se albisquen alternativas. Pero que cando menos se pide a mellora do lamentable estado da pista.

Así, como dicía un veciño con toda a retranca, poderán correr máis os fitipaldis de quenda. Claro, e a Policía Local, facer unha boa recadación…

Por José Castro Cajaraville
TIERRAS DE SANTIAGO, 07/02/12