POR XOS? MANUEL G. TRIGO PROFESOR DE INSTITUTO
Asombra da árbore de Nadal pareceulle alongada. Era por mor do efecto dunha lámpada de pé que espallaba polo salón a súa luz. El estaba entre os brazos do seu sillón favorito, porque chega un momento en que un home a quen tantas mans se lle ofreceran, só lle quedan os brazos dun sillón. No medio da amorosa paisaxe dos obxectos con alma daquel espazo familiar non lle gustou ter percibido a sombra alongada. Pero tratou de interpretala co estoicismo humorístico herdado de mil muiñeiros do país. Se cadra, a sombra alongada era metonimia das sombras. Chega un tempo de Nadal no que un home nota que pode ser o derradeiro. Sábese por instinto. Por certo que non se acordaba agora moi ben quen lle dixera que o instinto é a cualidade principal dun político. Debeu ser un dos moitos intelectuais que se lle tiñan achegado nos días dourados a facerlle a pelota. «O teu xenio político é o teu instinto», dixéralle aquel lambecús. E a el aquilo non lle desgustou, nin tampouco desestimou a recomendación subseguinte de que lese un libro de Maquiavelo no que se falaba do instinto e mais da Fortuna, con maiúscula, porque a Fortuna é muller, porque é a archimuller.