«Algúns levan moito vivindo da política e o traballo dos demais».

Rafael Randulfe encabeza a candidatura da API logo do «nomeamento a dedo no PP».

Randulfe lembra que foi o único cabeza de lista do PP elixido democraticamente

Randulfe vive unha paradoxal situación. Segue sendo o único voceiro coñecido que o PP ten no Concello de Pontecesures, aínda que encabeza unha candidatura rival, a da Agrupación Pontecesures Independente.
-¿Que o leva a liderar unha lista independente?
-O PP decidiu pola súa conta nomear a dedo un candidato. Nós, por respecto aos máis de 300 afiliados que hai aquí, dos cales a meirande parte son militantes porque eu llo pedín persoalmente, e por respecto á democracia decidimos que tiñamos que presentarnos. Eu fun o único candidato elixido democraticamente polos afiliados do PP, pero iso non parece importar. Se o PP pode facer o que quere e lle peta, nós tamén.
-Segue sendo vostede concelleiro polo PP.
-De momento non presentamos a dimisión. De feito, dos 11 membros da candidatura 6 son afiliados ao PP. Isto non sucede só aquí, senón en moitos lugares da provincia. O partido toma as decisións que cre oportunas. E nós tamén. Non hai problema.
-O PP fala de renovación.
-Deuse esa razón, pero nada máis. Nin un aviso previo, nin un debate. Non me preocupa nin me interesa onde estea o PP agora mesmo. A min paréceme moi ben a renovación. Hai algúns que levan moito tempo vivindo da política mentres os demais traballamos para eles, aportando xente para mítines e comidas. Moi ben, xa que viven disto poderían renovarse eles.

-O seu pacto de goberno levou á alcaldía á candidata menos votada. Foi moi criticado por iso.
-Na negociación esa era a única posibilidade de botar ao BNG. Pero non foi un capricho, contou con pleno consentimento da dirección do PP. Sempre se molesta o que perde, pero o mesmo sucedeu con Piñeiro Ares e tamén con Trenco. Non somos ningunha especie rara.

-¿E agora? ¿Chegaría a un acordo de goberno co BNG?
-Agora son independente e podemos facer o que queiramos. Tomaremos a decisión que máis lle interese ao pobo, e en segundo lugar a nós. Non descartamos a ninguén, nin sequera ao BNG. Pelexaremos voto por voto e casa por casa, igual que o resto. Os veciños deben pensar se queren votar á xente que coñece e quere traballar exclusivamente polos veciños ou a xente que vai apoiar a especuladores e só pensa en dedicacións exclusivas.

-¿Arrepíntese daquel acordo?
-Non, porque as decisións están motivadas por razóns, e este goberno foi positivo para Pontecesures. Investiuse un millón de euros por ano, máis que en calquera outro período, e fixéronse moitas cousas ben. Agora temos que centrarnos na loita contra o desemprego e nun proxecto de vivendas sociais realista.
Rafael Randulfe Vieites
3 de xuño de 1954, en Pontecesures
Funcionario municipal no propio Concello de Pontecesures
Divorciado, ten dous fillos
Candidato do PP á alcaldía no 2003, dimitiu por incompatibilidade. Encabezou de novo a lista conservadora no 2007 logo de ser elixido nun congreso extraordinario da súa formación, que con tres concelleiros é o grupo maioritario do goberno de coalición. ? tenente de alcalde e, de momento, o único voceiro popular no Concello.

LA VOZ DE GALICIA, 05/05/11

«Ninguén quixo impoñer nada».

Seage lidera o PP.

Aínda que é a primeira vez que encabeza a lista do PP en Pontecesures, Vidal Seage militou hai anos en Novas Xeracións, sempre vencellado ao mundo do asociacionismo. O seu papel nestes comicios agónicos nace entre críticas ao seu nomeamento e unha fenda centrífuga na forza conservadora.
-Acúsano a vostede de ser un candidato imposto a dedo.
-Ninguén quixo impoñer nada. Dende o principio procuramos a unidade do partido, foi simplemente un proxecto de renovación no que cada un foi libre de subir ou non ao carro. Eu respecto a decisión de todo o mundo, pero houbo reunións dende o principio e diálogo permanente, dando sempre opcións.
-Pero o resultado son dúas listas que son cismas directos do PP. ¿Preocúpalle este feito?
-Claro que me preocupa, porque o todo sempre é máis que a suma das partes. Insisto en que eu chego porque a dirección pensa en min para atallar a perda paulatina de votos e a certa falta de liderado. Pero sempre fun partidario de arroupar a todo o mundo. Esta dispersión non pode beneficiar a ninguén.
-¿Cre que esta multiplicación de listas é negativa?
-Por un lado permite á cidadanía manifestar o seu apoio a un número determinado de opcións, pero tamén nos leva a que con pouco máis de cen votos obteñas un concelleiro e poidas condicionar a política municipal. Calquera asociación podería obter representación e actuar como grupo de presión. Neste sentido pode darse unha certa perversión da democracia.

-O que parece inevitable é un pacto postelectoral. ¿Estaría disposto a facelo co BNG?
-Resultaría bastante atractivo, porque a priori seremos as dúas forzas con máis apoio. Pero véxoo moi complicado, sería un pacto contra natura. O que si está claro é que falar de maiorías absolutas con sete candidaturas é utópico.

-¿Como ve Pontecesures?
-Magoada pola lacra do paro. Dende o meu punto de vista hai potencialidades sen explotar como a rota xacobea ou a tradición ligada ao automóbil antigo e aos valeeiros. Precisamos tamén un centro sociocultural.

Juan Manuel Vidal Seage
14 de agosto de 1970, en Padrón
Técnico de calidade
Casado, ten dous fillos

LA VOZ DE GALICIA, 05/05/11

«Hai que esquecer prepotencias».

Araújo tira contra o PP.

«Hai que esquecer prepotencias»
Araújo é actualmente o secretario xeral do PSOE en Pontecesures e o coordinador comarcal do partido. Aínda que formou parte outras veces da lista, esta é a primeira vez que a encabeza.
-¿Como afrontan estas eleccións despois de estar catro anos fóra do pleno?
-Animados e con gañas de cambio, como fixemos nós mesmos. Ese cambio é necesario. Sobre todo un cambio de actitudes. Hai que esquecer as prepotencias, o individualismo e a procura do protagonismo político.
-¿Fálame vostede de Sabariz?
-Pois si. Queremos fuxir diso.
-Moitas listas, ¿non si?
-Moitas, pero a democracia é así.

-¿E por que pasa isto?
-Porque moitos que alardean de actitudes democráticas non as executaron no seo do seu propio partido.

-¿E agora me falla do PP?
-Pois si. As dúas novas listas son escisións súas.
-¿Cal é a súa quiniela?
-Non me atrevo a facela, pero nós imos acadar un bo resultado. Estamos con moitas gañas e temos propostas atractivas para que Pontecesures recupere os anos que leva perdidos, nos que outros concellos nos pasaron por diante.

-Fáleme de algunhas desas propostas…
-No económico, queremos apostar polo río, tanto na promoción da lamprea como produto de calidade como porque é un atractivo turístico. Propoñemos tamén crear unha empresa de servizos sociais creada e dirixida por mulleres. Para a mocidade, apostar por obradoiros sobre novas tecnoloxías e promover o autoemprego para loitar contra o paro. Nese eido tamén apostamos por un centro tecnolóxico do aluminio que traballe cas empresas deste ramo. Tampouco se está aproveitando ben o GDR e as posibilidades que ofrece na promoción da agricultura ecolóxica.

-Son tempos de darlle ao coco…
-Claro. E de apostar pola conciliación, cun comedor escolar ou conseguindo que as actividades escolares se fagan no colexio, por exemplo.

Roque Luis Araújo Rey
25 de setembro de 1967, Vilagarcía
Casado e ten un fillo
Traballa nunha axencia de publicidade

LA VOZ DE GALICIA, 05/05/11

«Nunca venderemos o noso voto».

Souto quere mirar ao futuro.

Malia a súa xuventude, Ángel Souto conta cunha longa traxectoria política en Pontecesures. Número 7 da candidatura do PP en 1995, accedeu ao Concello no transcorrer daquel mandato. Dende entón mantívose como concelleiro popular, tanto no goberno como na oposición, ata o 2007, mesmo asumindo a portavocía do seu grupo. Ata hai apenas semanas formaba parte da executiva local da súa formación. O nomeamento de Seage precipitou o seu abandono.
-¿Que sucede no PP?
-A nosa saída prodúcese porque no PP non existe democracia interna. No verán veu Louzán para analizar a traxectoria do partido, que gaña nas autonómicas con maioría absoluta pero pincha nas municipais. Nós queriamos un novo congreso extraordinario para que os afiliados decidisen. Pero teño que coñecer pola prensa que se toman decisións sen contar con 8 dos 13 membros da executiva, poñen un candidato a dedo e o que fago e dimitir con outros 4 membros do comité local. Terra Galega ponse en contacto con nós. O seu proxecto é interesante e a partir de aquí o único que temos en mente é o futuro e o traballo por Pontecesures e pola súa xente.
-? inevitable falar de pactos. ¿Cal é a súa idea ao respecto?
-Somos galeguistas, non nacionalistas, pero podemos pactar con calquera forza. En principio se nos presentamos é para conseguir a alcaldía, pero non descartamos outras opcións en función dos resultados. O noso programa é un contrato cos electores, e nunca venderemos o noso voto por coller goberno e ir con calquera. De chegar a eles serán pactos escritos, que recollan as nosas propostas e o que queremos levar a cabo por Pontecesures, porque se non está morta si podemos dicir que está en coma. Propostas sensatas, procurando o dinamismo perdido, nada de obras faraónicas.
-Coincidiu vostede nalgún momento con Maribel Castro e Randulfe no mesmo partido. ¿Como son as súas relacións?
-Non teño ningún problema, pero se hai algún pacto serán os nosos militantes e simpatizantes os que tomen a decisión.

Ángel M. Souto Cordo
6 de agosto de 1972, en Cesures
Axente inmobiliario
Solteiro

LA VOZ DE GALICIA, 05/05/11