Xa hai varios meses, este concelleiro solicitou a listaxe de horas extraordinarias por traballos realizados fora de xornada polos traballadores municipais durante 2011, e despois de moito tempo informouseme das cantidades globais percibidas por servizos pero sen cuantificar as horas traballador por traballador, aludindo indebidamente á normativa de protección de datos. Como concelleiro, e para realizar as tarefas de fiscalización, teño todo o dereito a coñecer as cifras individualizadas (coa obriga de reserva para non utilizar os datos para outros fins, claro).
No pleno ordinario do pasado 30 de xullo expusen a miña queixa sen que nada cambiase no proceder do goberno local ao que lle interesa manter un obscurantismo sobre este tema para que non coñeza a cidadanía as cantidades que se pagan por traballos fóra da xornada de traballo.
Pois ben; teño coñecemento que pola simple tarefa de activar ou desactivar un interruptor para poñer en marcha ou deter o bombeo de augas de abastecimento na estación da Barca moitas tardes, hai que pagar sempre ao mesmo traballador unhas cantidades fixas e periódicas por traballos fóra de xornada. O normal sería facer isto á hora de entrada no traballo e na hora de saída agora que ademais o canal de subministro non perde prácticamente auga logo do labor de impermeabilización realizada polo goberno anterior.
Enténdese que haxa que facer este labor as fins de semana (aínda que a tarefa tamén podería facela de cando en vez outro traballador os sabados, domingos e festivos, compensando o labor en tempo da xornada semanal), pero que, por sistema, o mesmo traballador pase horas todos os meses polo labor diario no bombeo da Barca, non é de recibo.
En consecuencia, prégase ao goberno local que sexa corrixida esta situación eliminando os gastos que isto ocasiona ao concello. Coa crise actual as medidas para eliminar este tipo de gastos son moi necesarias.
Pontecesures, 21/09/12
Luis Ángel Sabariz Rolán
ACP de Pontecesures