Unha mostra profunda na historia do médico-cirurxián Ángel Baltar.

O ACTO inaugural da exposición ‘Deber de Baltar. Medicina e Compromiso’ tivo lugar o 18 de febreiro no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Estará aberta ata o 16 de abril. 

Máis dun século de historia da casa dos Baltar é o eixo sobre o que se asenta a mostra Deber de Baltar. Medicina e Compromiso, que pode visitarse no Colexio de Fonseca ata o 16 de abril. A obra Un señor elegante do escritor galego Suso de Toro foi o punto de partida para esta exposición que profunda na historia do médico-cirurxián Ángel Baltar e os seus descendentes, os cales “tiveron tempo de protexer de modo efectivo figuras principais da nosa cultura e do noso país, como Rosalía de Castro, Murguía e Castelao, ademais de desenvolver brillantes carreiras profesionais”, escribe De Toro no catálogo da mostra, que tamén profunda nas figuras dos médicos Antonio e Ramón Baltar Domínguez.
“Comprendemos que había un interese por parte dun público amplo por coñecer máis aspectos desa historia da familia Baltar que tivera un papel tan significativo na historia da cirurxía e da asistencia social e na promoción e protección da nosa cultura e comprometida co destino e os problemas sociais do seu país e o seu tempo”, explica o comisario da mostra, Pepe Barro.

A exposición disposta no salón artesoado e antiga capela conta con oito capítulos: Padrón, a orixe e primeiros personaxes da saga; a biblioteca, verdadeiro emblema familiar; o Sanatorio Baltar; o Hospital Real; Antonio, o exilio; o compromiso cultural; o compromiso político; e Tanxil, o paraíso familiar. Trátase dunha historia ocorrida en pouco máis de cen anos, dende mediados do século XIX ata a morte do doutor Ramón Baltar Domínguez en 1982, “e que floreceu nun pequeno triángulo entre Padrón, Pontecesures, Rianxo e Santiago de Compostela”, escribe Suso de Toro. “Nun ciclo tan longo da vida dunha familia houbo momentos de crecemento e esplendor e momentos dolorosos. Reconstruír estas situacións e dilemas resultou un labor delicado, pois cuestionaba a memoria familiar tal como chegara, unha memoria apagada que explica o case esquecemento no que se encontraba”, continúa o escritor galego no catálogo da mostra.
Promovida polo Concello, coa colaboración da USC, a Deputación e o Colexio Oficial de Médicos da Coruña, a exposición pode ser visitada de luns a venres, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 h.

El Correo Gallego

ACTIVIDADES DO 8M -DÍA INTERNACIONAL DA MULLER- EN PONTECESURES.

Ao longo do mes de marzo e con motivo da conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, a Concellería de Igualdade do Concello de Pontecesures, levará a cabo unha serie de actividades destinadas a poñer de relevo o inestimable valor da muller no desenvolvemento e progreso da humanidade e a loita pola igualdade real de oportunidades para as mulleres.

As actividades comezarán coa constitución da Mesa Local da Igualdade o día 7 de marzo á que asistirán representantes de diferentes órganos de participación cidadá do concello.

O día 8 de marzo procederase á lectura pública do Manifesto destinado a amosar o compromiso de esta Administración de defender e aplicar o principio de igualdade de dereitos e responsabilidades entre mulleres e homes.

Aos actos institucionais súmase unha oferta formativa destinada, por unha banda, a reflexionar sobre os piares que forman a sexualidade, as súas dimensións e o impacto que teñen na autoestima desde unha perspectiva de xénero e, por outra, a coñecer máis en profundidade as vidas de dúas mulleres que foron invisibilizadas na historia e se converteron en referentes do empoderamento femenino.

As masterclass, que se celebrarán os días 15 e 22 de marzo, serán impartidas por expertas en psicoloxía, sexoloxía e igualdade e a elas poderá asistir toda a poboación que o desexe ata completar aforo (inscricións e máis info en infoigualdade@gmail.com e no telf.. 622 098 721).

Só Pontecesures e Cambados esquivan os malos datos do paro en febreiro.

Galicia pechou o mes de febreiro dividida no tocante ao comportamento do paro rexistrado nas oficinas públicas de emprego. Con moitas das súas comarcas conseguindo reducir as listaxes de veciños na procura dun contrato e moitas outras experimentando o comportamento contrario. Entre estas últimas, que acabaron elevando en 577 o número de desempregados totais na comunidade, figura o conxunto dos once concellos da banda sur da ría de Arousa e o interior do Salnés. Coas únicas felices excepcións de Pontecesures, no que o número de desocupados apuntados nas oficinas públicas de emprego foron 7 menos, pasando de 205 a 198, e Cambados, no que a variación foi de 6 persoas, das 910 de xaneiro ás 904 do último mes.

No polo oposto, Vilagarcía encabezou, en canto a números brutos se refire, a listaxe de aumento de paro na zona, con 59 cidadáns máis na procura dun traballo ao pasar de 2.949 en xaneiro a 3.008 en febreiro. Vilanova de Arousa sumou 33 máis (de 628 a 661), a mesma cifra có Grove (de 912 a 945), polos 32 de Meaño (303 a 335). En Valga aumentaron en 16 o número de parados (de 331 a 347), en 12 en Catoira (de 192 a 204) e en Meis (de 270 a 282), en 4 en Ribadumia (de 268 a 272) e en 2 na Illa (de 245 a 247).

En total, o conxunto dos once municipios da contorna pasaron de 7.213 persoas na procura dun posto de traballo en xaneiro ás 7.403. Isto é, 190 máis, cun incremento mensual do 2,63 %. Con todo, a comparativa anual mantén a tendencia netamente positiva dos últimos meses, non xa só respecto a febreiro do 2021, cando eran 8.815 parados, 1.412 máis ca agora, senón mesmo tamén respecto a febreiro do 2020, o último mes prepandemia, cando eran 8.097, 694 máis.

La Voz de Galicia

A Deputación de Pontevedra aproba achegas para contratar traballadores en Pontecesures.

O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra continúa a achegar recursos á provincia con novas subvencións aprobadas pola Xunta de Goberno. Na súa última sesión. o órgano provincial deu luz verde a 1,5 millóns euros que favorecerán a contratación de 182 persoas dos concellos de Sanxenxo, Meaño, Cambados, Pontecesures, Cuntis, Portas Cerdedo-Cotobade, Poio e Tui.

A MESA PROVINCIAL DO CAMIÑO INCORPORA AOS CONCELLOS DA RUTA XACOBEA DO MAR DE AROUSA E RÍO ULLA.

Sanxenxo, Meaño, Catoira, O Grove, Cambados, Ribadumia, Vilagarcía, A Illa, Pontecesures, Valga, Caldas e Vilanova únense ao órgano promovido pola Deputación.

Os concellos da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla incorporaranse á Mesa Provincial do Camiño promovida pola Deputación de Pontevedra para impulsar as rutas xacobeas da provincia. Na sesión telemática celebrada hoxe acordouse a inclusión destes municipios polos que transcorre este itinerario, Sanxenxo, Meaño, O Grove, Catoira, Cambados, Ribadumia, Vilagarcía, A Illa de Arousa, Vilanova, Valga, Pontecesures e Caldas. Así o referendaron as e os asistentes á Mesa, na que participaron, amais da  deputada de Turismo Ana Laura Iglesias, e o xefe provincial de Turismo da Xunta, Felipe Ferrero González; os alcaldes e alcaldesas da Guarda, Baiona, Portas, Redondela, Tui, Barro, Nigrán, Pontecesures, Soutomaior e Vilaboa e concelleiras e concelleiros de Valga, Mos, Silleda, Rodeiro, Pontevedra e Caldas.

Como lembrou Ana Laura Iglesias, en anteriores encontros coa presidencia da Mancomunidade do Salnés coincidiuse na necesidade de integrar estes municipios na Mesa Provincial do Camiño, co fin de dispoñer de información dos concellos polos que discorren os trazados oficiais dos camiños na provincia, así como dos proxectos, accións e investimentos para a conservación, valorización, promoción, recuperación, sinalización e xestión dos mesmos. A Mesa tamén ten como obxectivo difundir nacional e internacionalmente os valores culturais do Camiño e impulsar a cooperación e colaboración entre as administracións implicadas na súa xestión. A partir da próxima sesión da Mesa estes concellos poderán participar xa a través da figura do alcalde/sa ou persoa en quen deleguen. O representante da Xunta abstívose na votación da entrada destes concellos, ao non atenderse a súa demanda para a incorporación tamén dun representante da agrupación de concellos Mar de Santiago, que integra só a unha parte dos municipios da ruta.

No que respecta a esta petición, a Deputación insistiu en manter a composición formal da Mesa na que están os concellos e as asociacións do conxunto das rutas oficiais. Por outro lado, tamén pasará a integrar a Mesa o concello do Rosal, que a pesar de estar na ruta do Camiño Portugués da Costa, aínda non formaba parte do órgano da Deputación.

Doutra banda, a Mesa amosou o seu apoio ás demandas dos concellos da Guarda, O Rosal, Oia e Baiona en relación á problemática do transporte en ferri entre A Guarda e Caminha, pendente do arranxo do pantalán da Guarda por parte da Xunta e, neste senso, acordouse trasladar a Portos de Galicia a reivindicación destes municipios sobre a necesidade de reparar o peirao á maior brevidade.

Balance

No transcurso da sesión tamén se puxeron sobre a mesa as distintas actuacións de promoción e posta en valor do Camiño na provincia de Pontevedra ao longo do 2021. Neste senso, a Deputación realizou accións de promoción en todas as variantes do Camiño a través de medios en liña. Recursos como o Pazo de Oca, o Mosteiro de Carboeiro, a fonte termal de Caldas, o Mosteiro de Armenteira, a catedral e casco histórico de Tui ou a ponte de Ponte Sampaio formaron parte das campañas desenvolvidas nas redes sociais de Turismo Rías Baixas así como de medios especializados. Amais, elaborouse un vídeo promocional das diferentes rutas estreado no Fair Way, o IV Foro do Camiño de Santiago, e que tamén se divulgou unha presentación do destino Rías Baixas en Fitur. Dito vídeo pon o acento na sostibilidade deste recurso turístico e na paisaxe con todos os seus matices como elemento diferenciador de Galicia e da provincia cando se fai o Camiño e se chega a esta terra.

Doutra banda, no eido do impulso e a transformación como destino sostible destacouse a aprobación dun investimento de 2 millóns de euros para desenvolver o Plan de Sostibilidade Turística no Destino de Deza-Tabeirós-Montes dentro da convocatoria do Ministerio de Industria Comercio e Turismo do Plan Nacional Xacobeo. O obxectivo deste proxecto é promover a transformación do sector turístico destas comarcas polas que pasa a Vía da Prata e rutas que solicitaron o recoñecemento oficial como é o Camiño Miñoto-Ribeiro e orientalo cara a un modelo ecoturístico do Camiño e unha experiencia memorable para as persoas viaxeiras. Nas vindeiras semanas formalizarase a sinatura do convenio co Ministerio e realizarase un primeiro encontro cos concellos destas comarcas para o arranque deste plan.

As vindeiras actuacións de promoción da ruta xacobea inclúen en abril a apertura da exposición “Camiños do Sur”, que percorrerá cinco concellos da provincia polos que transcorre o Camiño Portugués promocionando este itinerario cultural europeo e os recursos turísticos da contorna.

A Deputación tamén levou a cabo actuacións en materia de seguridade peonil, sinalización, mantemento e mellora do itinerario. Así, realizouse a roza de todas as vías provinciais polas que pasan as rutas do Camiño de Santiago e, no caso do Camiño Portugués, acometéronse actuacións de calmado de tráfico en Valga-Martores, Caldas, Portas, Barro (Curro-Portela) e Soutomaior. Tamén se  procedeu ao ensanche na EP-2906 Os Valos- Guizán (Redondela) e está case rematada a humanización de San Amaro en Barro. Ademais, foron remitidos aos concellos os proxectos dos tramos Tomeza-Figueirido (Pontevedra); Mos-Puxeiros (en Mos), e para a mellora da mobilidade peonil na rúa do Parque en Caldas. No que atinxe á mellora da seguridade na EP-25002 en Ribadelouro (Tui), a actuación está pendente da expropiación.

No Camiño Portugués da Costa leváronse a cabo melloras de seguridade peonil en Baiona, no tramo Baredo-Lourenza, e de calmado de tráfico en Nigrán, no tramo de A Ramallosa. E na Vía da Prata en breve procederase á contratación da mellora da mobilidade peonil na EP-6102 en Rodeiro. Amais, procedeuse á mellora da sinalización vertical nas interseccións do Camiño de Santiago coas estradas provinciais nas rutas oficiais que pasan por esta provincia.

Doutra banda, a Deputación colaborou noutras actividades nos concellos, como “Meu Camiño, teu Camiño”, da entidade Prado Surf; “Unha aldea de Nadal no Camiño” da Asociación Etnográfica de Codeseda (Lalín); “Navegas Patrimonio Industrial Marítimo Pesqueiro no Camiño de Santiago”, da Fundación para a Pesca e o Marisqueo; “Galicia Escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela” da Fundación Carlos Casares e o Festival de Órgano no Camiño, da Orquestra Clásica de Vigo. Actividades ás que hai que unir outras no eido da conservación do Patrimonio, con actuacións nos bens de Silleda, Caldas, Redondela, Lalín, Barro, O Porriño, Soutomaior ou Portas.

Deputación Provincial