O municipio de Pontecesures ten 9,04 hectáreas incluídas na Rede Natura 2000 (fundamentalmente a lámina de auga do Río Ulla e unha das marxes do mesmo) e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicou o 07/08/14 unha orde sobre concesión de axudas 2014/2015 aos concellos incluídos en dita Rede Natura para actuacións nela (axudas ao 100% do investimento cun máximo de 20.000 euros por concello).
Pois ben, no DOG de anteonte publícase a resolución coa concesión das axudas aos concellos e así como a Catoira e Valga se lles conceden axudas por 19.955 e 20.000 euros, respectivamente, Pontecesures non aparece na relación.
Con sorpresa e indignación comprobamos que a razón de que a Pontecesures non se lle concedera axuda algunha foi porque o goberno local que padecemos nin presentou a solicitude. O sexa, coas necesidades que temos non solicitan unha axuda para actuar na zona da Rede Natura para a que non hai que achegar nin un só euro de fondos municipais. Permiten así que se perdan uns cartos amosando unha xestión realmente lamentable por parte dun goberno coa metade dos seus integrantes cobrando unha adicación exclusiva todos os meses.
Puderonse solicitar por exemplo, actuacións na ribeira do río, nos seus sendeiros, para preservar o hábitat ou o ecosistema natural. Tamén arranxar a problemática que presentan determinadas canalizacións que verten ao río, pero, na práctica, non se fixo nada por parte dun goberno que despois afirma que se preocupa polo medio ambiente.
En fin outro fracaso máis de xestión seguindo a tónica do ocorrido nestes catro anos.
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP Pontecesures