«Tiña que ser este lugar, Iria Flavia-Padrón». Así o lembraba unha vez máis o deán presidente do Cabildo da Catedral compostelá, José María Díaz, quen oficiou na tradicional solemnidade da Traslatio Apostólica celebrada como cada ano o 30 de decembro no templo parroquial de Santiago de Padrón ateigado de fieles.
Á invocación do alcalde, Antonio Fernández Angueira, repondeulle o deán catedralicio, José María Díaz, que resaltou a importancia de Padrón no fito da Traslatio como berce e orixe xacobeo.
Non podía ser máis grande a despedida do Ano Vello, mais tampouco podemos deixar de sinalar de novo outros actos no aspecto, sempre cultural, que viñeron sumarse para despedir o 2011. Tales como a celebración do XXV aniversario da Fundación Camilo José Cela, así como o LX dunha das máis emblemáticas obras do Nobel, como La Colmena.
Asemade, a Sociedade Cultural Padronesa ofreceu -xa era hora- un acto coa conferencia do catedrático de Literatura da UNED en Madrid Juan Vitorio, con vínculos na vila do Sar polo seu matrimonio coa padronesa Ana Rivas. O Concello, a través da delegación de Cultura, organizou diversas actividades apropiadas para os nenos, ao igual que a Asociación de Empresarios ou as tradicionais actuacións da Coral Polifónica , etc.
En fin, que na despedida do 2011 privou sobre todo o ambiente litúrxico e cultural, como non podía ser doutra maneira tratándose dunha localidade histórica como Padrón. E xa no Novo Ano seguerían a ser protagonistas os pequenos ante a espectacular cabalgata dos Reis Magos que reuniu na capital do Sar milleiros de persoas.
Queda agora o Concello ante un Novo Ano, e tamén con nova Corporación, na procura de dar solución aos vellos problemas de sempre, e aos novos que sen dúbida asemade xurdirán. Como diciamos, a xuventude e afán de traballo dos representantes municipais ofrecen segundo xerais opinións boas sensacións de futuro para os padroneses.
Que así sexa e esas favorables impresións se vexan compridas.
Por José Castro Cajaraville. Cronista de Padrón.
TIERRAS DE SANTIAGO, 10/01/12