Por estar baleiro o canal de auga procedente da estación de bombeo de A Barca nos últimos días e ante a vaga de incendios que sofrimos solicitouse o día 9 de agosto que se reanudase con urxencia o bombeo para contar con auga no canal posibilitando ás cubas a captación de auga para sofocar os lumes. A pesar do tempo transcorrido nin se fixo caso á petición nin se dou explicación algunha para non acceder á mesma.
Tampouco comezou a limpeza da finca do Castro de San Xulián que ten máis de 25.000 metros cadrados e se atopa con maleza altísima. Hai un evidente perigo de incendio que pode afectar ás vivendas que están preto da finca e os seus titulares están atemorizados polos riscos. Tamén a pasada semana solicitouse que se fixeran xestións cos titulares da finca pero o Castro segue sen limparse.
Reitérase ó alcalde a petición de que se reanuden os bombeos no canal e que se limpe a finca do Castro de San Xulián.
Por outra banda, demostrouse con esta vaga de incendios que o concello precisa alomenos un tractor con cisterna para a loita contra o lume. Precisamente o sábado día 12 houbo outro conato de lume en Condide e os veciños tiveron que acudir con caldeiros ata que actuou a maquinaria do concello de Valga. Hai que lembrar que a finais do ano pasado e cando aínda formaba parte do equipo de goberno fumos o alcalde, a concelleira de urbanismo e máis eu a solicitarlle ó delegado provincial de Medio Rural un tractor para a prevención (limpeza de montes e marxes das pistas) e extinción de incendios forestais. A pesar das expectativas que tiñamos con esta consellería dirixida polo BNG non se accedeu ó solicitado cun fracaso evidente..
Aínda que temos o monte municipal Salgueiras-Lagoa totalmente arrasado polo lume pensamos que o tractor é moi necesario (as pistas e camiños teñen nas súas marxes gran cantidade de maleza) e solicito ó alcalde que convoque as forzas políticas para tratar de conseguir o tractor que tanto necesita este concello.
Pontecesures, 14 de agosto de 2006
Luis Angel Sabariz Rolán