1-O pleno acordou a retirada da moción ata coñecer o custo da obra e as cifras que lle corresponden a Pontecesures no PEIM e no PIR da Consellería do Medio Rural en 2010, parecéndonos a postura máis razoable. Claro que todas as actuacións son boas para o pobo, pero aprobar por aprobar unha moción, sen coñecer o custo do que se propón, nin a contía das subvencións, nin aspectos como a cesión dos terrenos para facer a ampliación é unha irresponsabilidade. O BNG trata de facer política con isto, e impórtalle pouco a viabilidade da actuación. Por exemplo, nos PEIM que tiveron cando gobernaron nunca investiron en Grobas ou Fenteira cantidade algunha.
2-Minten os nacionalistas ao dicir que a moción retirouse sen deixala debater. Iso é totalmente falso. Houbo debate e cada un expuso a súa postura sen límite de tempo algún. Por iso este concelleiro convida sempre aos veciños para que asistan aos plenos e así escoiten, en persoa, as propostas e as actuacións dos concelleiros. A ausencia é aproveitada polos nacionalista para terxiversar a realidade.
3. Na actualidade, nos plenos de Pontecesures os membros da corporación poden debater sen problema algún. Xa pasaron aqueles tempos onde o alcalde anterior non contestaba ás preguntas e interrompía as intervencións dos membros da oposición con ameaza de expulsalos do salón. Aquela frase que dicía con rotundidade: «En rogos e preguntas non pode haber debates», pasou afortunadamente á historia.
4. En Grobas e Fenteira vaise facer no Plan E-2 un investimento histórico de preto de 190.000 euros para que conten con alcantarillado e depuración. Consideramos esta obra transcendental para ámbalas dúas aldeas (demandada dende sempre), e hai que agradecer a colaboración dos veciños á hora de ceder terreos para este investimento. Pódese facer posteriormente unha ampliación da pista Grobas-Fenteira nalgúns puntos moi estreitos, porque penso que o ancheamento dos 1.200 metros de pista é realmente complicado por razóns económicas (retranqueo de construcións, adquisición de terreos, construción de noiros, etc…).
Pontecesures, 29/01/10
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro de relacións institucionais de Pontecesures.