A ACP advirte do risco de desprendemento de grandes pólas na estrada Pontecesures/Baloira.

A ACP transmitiu ao Servizo de Infraesturas da Xunta en Pontevedra a súa preocupación e a de varios usuarios da estrada autonómica PO-214 Pontecesures-Baloira (a que parte da N-550 dende Pontecesures para A Estrada). Hai un tramo, a partir do quilómetro 4, onde hai uns eucaliptos nas marxes, nos terreos de titularidade pública, de gran tamaño, con pólas tamén de volume considerable que están por enriba da estrada en posición case horizontal o que representan un grave risco de desprendimento e de provocar un grave accidente. Incluso algunhas pólas semellan estar case secas co cal o perigo aínda é maior.
Aínda que este tramo pertence ao municipio de Padrón (preto do lugar de Os Condes), o mantemento de toda a estrada Pontecesures-Baloira correspóndelle a ese servizo.
Algúns veciños dos lugares cesureños de Grobas e Fenteira , que circulan por este tramo a diario,estanse a queixar desta situación por razóns de seguridade e tendo en conta que xa nestes días son frecuentes os temporais con fortes ventos.
Solicitouse así unha actuación urxente para podar de inmediato as pólas de gran tamaño que están sobre a estrada antes de que teñamos que lamentar algunha desgraza.

Limpezas de distintos lugares de Pontecesures

O Goberno de Pontecesures ven de efectuar durante toda esta semana limpezas de desbroce con un tractor por distintos lugares. Estas limpezas eran demandadas por veciños, e atendendo a estas peticións contratouse un tractor que fixo durante esta semana distintos percorridos:

– Pozo da Cornelia, monte de Porto, Calera e rúa do Campo.

– Pista do regadio e zona de Baño dende Chanteclair.

– Pista da Barosa e subida o Mirador do Galiñeiro.

– Estrada de Grobas e a Fenteira.

– Patio do Colexio, e arredores.

Agardamos que con estas limpezas foran satisfeitas as demandas da veciñanza.

Tamén solicitamos a colaboración veciñal para que manteñan limpas as súas propiedades, e as beiras dos camiños lindeiras con estas, para manter en bo estado o patrimonio de todos,  como son os distintos camiños que discurren polo noso Concello.

Morreu María Seco Laseiras.

Aos 82 anos de idade, finou esta veciña de Grobas nª 3, viúva de Manuel Conde Duro. O velorio está instalado na sala 3 do Tanatorio Iria Flavia de Padrón. Mañá, 1 de marzo, ás 11 horas, terá lugar a misa funeral na Igrexa Parroquial de Pontecesures. Logo, os restos mortais recibirán sepultura no cemiterio municipal de Condide.
Descanse en paz.

A TVG esta tarde en Grobas.

Arestora está a TVG en Grobas para gravar unha reportaxe sobre a problemática da depuradora de residuais de Grobas e Fenteira. A reportaxe vai incluída moi probablemente no programa «Galicia Noticias Serán» que será emitido hoxe 24 de outubro entre ás 20:30 e ás 20:58 horas.