A voda do campión olímpico Antón Paz foi un dos máis de 400 enlaces municipais feitos en Vilagarcía.
Nos últimos quince anos arredor dun milleiro de parellas do Salnés e do Baixo Ulla prescindiron do cura e do xuíz para ser casadas polo alcalde ou polo concelleiro de turno
Os usos sociais son probablemente a mellor radiografía do nivel de avance, de estancamento ou de retroceso de calquera comunidade. Na España da Transición a reaparición da figura do divorcio non era senón unha manifestación máis do moito que estaban a cambiar as cousas, co matrimonio civil liberándose das cadeas do Estado confesional franquista. A lei, como en moitos outros casos, funcionou como mero mecanismo de adaptación á realidade á que debía servir. E a lei, xa ás portas do século XXI, voltou a amoldarse en materia casamenteira ás necesidades dos seus destinatarios.
Obrigados ata entón a acudir a un xulgado de primeira instancia para pode contraer matrimonio civil, en moitos casos forzados a saír dos seus concellos, moitas parellas veñen aproveitando desde o 23 de decembro de 1994 o cambio de lexislación. A partir de entón xulgados de paz, alcaldes e membros das corporacións nos que este delegase adquirían a potestade para unir en laico matrimonio dentro dos seus correspondentes termos municipais.
Sendo Vilagarcía a principal poboación da comarca, non é de estrañar que tamén se convertera na pioneira neste tipo de enlaces. O 1 de abril de 1995 o entón alcalde da capital arousá, Joaquín Javier Gago, oficiaba case tan nervioso como o noivo o primeiro matrimonio municipal. Desde entón e ata hoxe foron arredor dun milleiro as vodas deste tipo celebradas nos concellos da zona. Desde as máis de 400 de Vilagarcía ou as 129 de Cambados, ás 37 de Valga, 33 de Pontecesures ou 32 de Catoira.
Os tres concellos do Baixo Ulla foron dos primeiros en sumarse a esta nova vía, en 1995, con Alberto García oficiando o seu primeiro enlace o 13 de abril. No interior do Salnés tardaron un pouco máis, coas primeiras parellas casadas no consistorio en 1996. A Illa, por razóns obvias, foi o último en acoller esta nova modalidade, co alcalde e presidente da comisión xestora da segregación, Manuel Dios, autorizando o seu primeiro casamento civil o 31 de decembro de 1997.
Esta data é unha das moitas curiosidades e anécdotas que deu de si unha modalidade de matrimonio xurdida como un novo avance nunha lexislación sobre vodas civís que se imprantou con absoluta normalidade, poñendo fin ao cuasi monopolio católico na materia.
En Meis, que este ano podería chegar ao seu primeiro cento de vodas municipais, deuse a circunstancia de que a primeira contraínte era unha traballadora do propio Concello. Jorge Casal, o alcalde daquela, oficiou o acto o 16 de marzo de 1996. En Pontecesures, ao contrario ca no resto da zona, o primeiro enlace na casa consistorial correu a cargo da segunda tenente de alcalde, e non do rexedor. Corría o 7 de novembro de 1995, e a bo seguro a Maribel Castro nin se lle pasaba pola cabeza que doce anos despois sería ela a que ostentase o bastón de mando da localidade.
Outro tenente de alcalde cesureño, Luis Sabariz, protagonizou un curioso caso no 2004. Logo de casar pola mañá a unha parella no consistorio tivo que desprazarse pola tarde ata un coñecido restaurante da veciña Padrón para, a petición dos noivos, repetir a cerimonia no lugar do banquete. A lei obriga a que o matrimonio se oficialice no termo municipal escollido para se rexistrar, pero Sabariz non puxo pega en compracer a parella, que xa coa familia e cos amigos ao completo disfrutou dun acto máis romántico e acolledor.
De Vilagarcía recóllense moitas notas a pé de páxina. Como unha das últimas vodas oficiadas polo ex alcalde Gago, co su fillo maior como noivo.
Dobretes e ata tripletes tiveron que facer nalgunha ocasión varios edís da capital arousá no mesmo día para compracer as peticións de todos os noivos, que como en case todos os concellos da comarca, poden elixir o concelleiro que os case. Foi o caso de Susana Camiño, convertida nos dous últimos anos na referencia das vodas municipais, ao acaparar máis da metade das peticións para oficiar os enlaces. E iso, nun Concello no que no 2008 o 36 por cento total dos matrimonios pasaron pola vicaría do salón de plenos, é moito dicir.
A estrela de Camiño, que o ano pasado casou 24 das 41 parellas que pasaron por Ravella, contrasta co escaso tirón da alcaldesa, Dolores García, que no 2009 rematou empatada a dous enlaces co líder a oposición municipal, Tomás Fole.
Referente en matrimonios gays na comarca, tres ata hoxe, e en materia cuantitativa, con máis de 400 enlaces, con vodas de postín como a do campión olímpico Antón Paz, Vilagarcía converteuse pronto en exemplo a nivel galego, ata o punto de acoller durante varios anos as prácticas dos alumnos do curso de secretariado e de protocolo nas administracións públicas da Fegamp.
E se en Vilagarcía os matrimonios municipais teñen tirón, na Illa deron desbancado xunto cos do xuíz de paz os eclesiásticos tras un par de acercamentos no 2004 e no 2007. No 2009 foron 8 civís por 7 relixiosos. Unha tendencia á equiparación que avanza na zona desde mediados desta década. Iso si, con moitas diferenzas entre concellos, con algúns moi secularizados, coma Ribadumia, fronte a outros coma Cambados ou Cesures onde o altar segue a preferirse maioritariamente baixo sagrado.
LA VOZ DE GALICIA, 11/07/10