1-O Delegado da Xunta, Cores Touris, comunicoulle a 48 alcaldes/as da provincia de Pontevedra como representantes institucionais dos Concellos a visita que ía realizar na rolda de contactos establecidos con todos os municipios. Os integrantes das tres forzas políticas que integramos o goberno tivemos unha reunión de véspera para acordar as necesidades a expoñer á Xunta de Galicia, que foron fundamentalmente que se retomen os asuntos pendentes (beirrarúas da Avda. de Arousa e rúa Ullán; rehabilitación do peirao e do Camiño Portugués en Carreiras, comedor escolar, vivendas sociais en Porto, local de Protección Civil, etc…). A posición do goberno foi unánime; e non poden os nacionalistas cesureños lanzar unha mensaxe de desunión no goberno que é completamente falsa.
2-Como o Sr. Cores Tourís quería coñecer os proxectos dos gobernos locais, non estimamos oportunos citar aos membros da oposición. O mesmo fixeron os outros 43 concellos visitados ata agora polo Delegado da Xunta de Galicia (entre eles Tomiño e Pontevedra, con alcalde nacionalista). En ningún municipio asistiron a estas reunións concelleiros/as da oposición.
3-Precisamente o alcalde anterior de Pontecesures, e agora voceiro do BNG, non é o mellor exemplo de contar con toda a corporación nos respectivos actos e nas tomas de decisións. Todos lembramos a marxinación que tivemos que sufrir na lexislatura anterior coas visitas do antigo Vicepresidente da Xunta e das antigas autoridades de Cultura e Deportes sen avisar a ninguén, o incumprimento en canto a selección do persoal do obradoiro de emprego, e as xestións oportunistas e personalistas en toda a súa xestión.
4-Claro que falamos do Centro de Día e nos interesamos polas intencións da nova Xunta en canto ao financiamento e mantemento destas instalacións. En canto teñamos a información detallada se tomarán decisións. En canto ao polígono industrial, coñece o BNG de Pontecesures, que ante a situación de grave crise é necesario consultar cos empresarios o interese actual que teñen, para estudar a viabilidade económica. Dende logo non está interesado o goberno local en ter un polígono pantasma e practicamente baleiro como pode apreciar en moitos lugares da comarca.
5-Resulta realmente sorprendentes as críticas do BNG en materia de invitación aos actos. Onte mesmo, logo de acudir á procesión do Carme, o voceiro da oposición, Álvarez Angueira e as concelleiras Cecilia Tarela e Margarita García, foron convidados a asistir a un acto (unha simple merenda) coas persoas e colectivos que colaboraron desinteresadamente coas festas co fin de departir uns intres con eles e darlle as grazas en nome da institución. Non se presentou ningún dos tres. Así é como tratan de prestixiar a institución da que forman parte. Lamentable.