Rafael Randulfe encabeza a candidatura da API logo do «nomeamento a dedo no PP».
Randulfe lembra que foi o único cabeza de lista do PP elixido democraticamente
Randulfe vive unha paradoxal situación. Segue sendo o único voceiro coñecido que o PP ten no Concello de Pontecesures, aínda que encabeza unha candidatura rival, a da Agrupación Pontecesures Independente.
-¿Que o leva a liderar unha lista independente?
-O PP decidiu pola súa conta nomear a dedo un candidato. Nós, por respecto aos máis de 300 afiliados que hai aquí, dos cales a meirande parte son militantes porque eu llo pedín persoalmente, e por respecto á democracia decidimos que tiñamos que presentarnos. Eu fun o único candidato elixido democraticamente polos afiliados do PP, pero iso non parece importar. Se o PP pode facer o que quere e lle peta, nós tamén.
-Segue sendo vostede concelleiro polo PP.
-De momento non presentamos a dimisión. De feito, dos 11 membros da candidatura 6 son afiliados ao PP. Isto non sucede só aquí, senón en moitos lugares da provincia. O partido toma as decisións que cre oportunas. E nós tamén. Non hai problema.
-O PP fala de renovación.
-Deuse esa razón, pero nada máis. Nin un aviso previo, nin un debate. Non me preocupa nin me interesa onde estea o PP agora mesmo. A min paréceme moi ben a renovación. Hai algúns que levan moito tempo vivindo da política mentres os demais traballamos para eles, aportando xente para mítines e comidas. Moi ben, xa que viven disto poderían renovarse eles.
-O seu pacto de goberno levou á alcaldía á candidata menos votada. Foi moi criticado por iso.
-Na negociación esa era a única posibilidade de botar ao BNG. Pero non foi un capricho, contou con pleno consentimento da dirección do PP. Sempre se molesta o que perde, pero o mesmo sucedeu con Piñeiro Ares e tamén con Trenco. Non somos ningunha especie rara.
-¿E agora? ¿Chegaría a un acordo de goberno co BNG?
-Agora son independente e podemos facer o que queiramos. Tomaremos a decisión que máis lle interese ao pobo, e en segundo lugar a nós. Non descartamos a ninguén, nin sequera ao BNG. Pelexaremos voto por voto e casa por casa, igual que o resto. Os veciños deben pensar se queren votar á xente que coñece e quere traballar exclusivamente polos veciños ou a xente que vai apoiar a especuladores e só pensa en dedicacións exclusivas.
-¿Arrepíntese daquel acordo?
-Non, porque as decisións están motivadas por razóns, e este goberno foi positivo para Pontecesures. Investiuse un millón de euros por ano, máis que en calquera outro período, e fixéronse moitas cousas ben. Agora temos que centrarnos na loita contra o desemprego e nun proxecto de vivendas sociais realista.
Rafael Randulfe Vieites
3 de xuño de 1954, en Pontecesures
Funcionario municipal no propio Concello de Pontecesures
Divorciado, ten dous fillos
Candidato do PP á alcaldía no 2003, dimitiu por incompatibilidade. Encabezou de novo a lista conservadora no 2007 logo de ser elixido nun congreso extraordinario da súa formación, que con tres concelleiros é o grupo maioritario do goberno de coalición. ? tenente de alcalde e, de momento, o único voceiro popular no Concello.
LA VOZ DE GALICIA, 05/05/11