Angueira non quere falar máis do gasóleo, pero si da oposición. Acvúsaos de dar unha imaxe «deplorable» do Concello e pídelles paciencia ata o xuízo do electorado.
O alcalde de Pontecesures ven de pasar un mal trago a conta dos gastos de gasóleo. Cun goberno en minoría e unha oposición de unllas, Angueira enfróntase a un final de lexislatura, cando menos, complicado.
-No pobo están coas festas do Carme, pero, despois do último pleno ¿ten o alcalde o corpo para festas?
-Por suposto, eu vou estar aquí todos os días. Temos unha programación moi boa e quero agradecerlle á Consellería de Cultura e aos veciños a súa colaboración.
-As festas dou por feito que están moi ben ¿e vostede?
-Eu teño a conciencia moi tranquila. ? molesto que sementen dúbidas sobre os traballadores e o grupo de goberno. Están a un ano das eleccións, e a próxima será cantas puntas gastamos no Concello cada día. Calquera cousa lles vale.
-Gerpe ata preguntaba o outro día no pleno sobre a compra dun botiquín. Van mirar ata os céntimos.
-A oposición utiliza a cousa máis sensible, que é o gasto do Concello, que é o que fai nos cidadáns máis mella. Pero eu teño unha cousa moi clara. Se das servizos, ten un custe. Me parece moi ben que se fiscalice, pero disto van facer unha batalla. Quero lembrar que cando o señor Gerpe e o señor Sabariz estaban no goberno se facía exactamente o mesmo. Os cartos estanse gastando en servizos municipais que reverten en beneficio dos veciños.
-O problema é que o gasóleo non se consumiu só en servizos municipais.
-O gasóleo se consumiu sempre para o servizo dos veciños de Pontecesures, iso o digo tallante. Ben sexa para o Concello, para Protección Civil ou o Club Náutico. O Náutico é unha instalación municipal, son veciños de Pontecesures que fan deporte. Me pediron o vehículo e llo deixei, con toda a boa fe do mundo. Calquera entidade deportiva que me pida algo do Concello voullo deixar. Que leven o asunto adonde teñan que levalo. A partir deste momento, para min, o tema do gasóleo está zanxado.
-¿Vaille contar algo ao xuíz que non nos contara a nós?
-Voulle contar o que sei e os informes que teño. Esa é a miña argumentación.
-Sen soldo e en minoría. Quédalle un aniño de penitencia ¿vai acabar a lexislatura?
-Vou acabar e, se me respalda o consello local e o comarcal do BNG, vou presentarme outra vez. Por suposto que si e vou buscar a maioría. Pontecesures non pode depender de pactos con persoas que están xogando cos intereses xerais do pobo, de caprichos persoais. A maioría é unha necesidade imperiosa.
-Vostede díxome nunha ocasión que se non acadaba a maioría non lle quedaban gañas de volver a ser alcalde ¿o mantén?
-Agora o que teño claro é que hai que buscar pactos, pero detecto que a xente está moi cansada destes grupúsculos. Verase dentro dun ano se a xente respalda a algún independente.
-¿Os atrancos dos últimos tempos aínda lle deron máis folgos logo?
-Si, me reforza na necesidade de ter unha maioría. Pontecesures non se merece o que está ocorrendo. Somos a comidilla da comarca.
-Quizá tamén porque co goberno amigo na Xunta ábrese unha nova oportunidade para facer cousas.
-Por suposto. Se nós dependemos dos orzamentos municipais para facer cousas a levamos clara, sobre todo porque estamos en minoría. E a Xunta nos está axudando moito.
-Máis tendo en conta que este ano xa non haberá presuposto ¿non?
-A miña obriga como alcalde é presentalos, e os presentarei as veces que faga falla. Os veciños non se merecen que cousas importantes como a escola obradoiro se perdan. Se eles queren, que o fagan.
-O caso é que poden facer moito. A vostede e a Maribel Castro ata lle quitaron o soldo.*
-Unha persoa que cambia continuamente, que credibilidade pode ter. Durante un ano apoiaba a exclusiva, estou catro meses coa exclusiva e ma retira. Iso responde a unha necesidade de supervivencia de este concelleiro, custe o que custe. ? un comportamento enfermizo e de egocentrismo esaxerado.
-¿Fala de Sabariz?
-Non quero falar de concelleiros, só digo que hai grupos que pretenden exteriorizar os males que ten este Concello e están dando unha imaxe deplorable. Unha persoa que aproveita desgrazas alleas, mortes, accidentes, afogados,… demostra que só lle preocupa que o vexan na televisión.
-Véxollo moi doído co que foi man dereita súa no goberno.
-Demostroume que hai certa calidade humana que está moi por debaixo do listón.
-Neste Concello respírase moita desconfianza, un clima enrarecido: despachos pechados con chave, papeis que se fotocopian sen permiso…
-Algún inimigo no Concello teño. Hai que recordar que o cabeza de lista do PP é tesoureiro. ¿Portas pechadas? Home, unha persoa que colle o cuño do Concello para levalo a un velorio, xa me dirás.
-Vostede di que estas son polémicas mediáticas, que son cousa da oposición ¿os veciños que lle din pola rúa cando vai por aí a correr?
-No fondo tomámolo todo con humor. ? lamentable a actitude da oposición, pero á xente non lle preocupan estas cousas. O que lle preocupa é que haxa servizos e se fagan cousas no pobo.
-Falemos un pouco do goberno. Maribel Castro lle dou no pleno un voto de confianza nun momento crítico.
-A pesar de que lle retiraron a exclusiva, ela se mantén e demostrou a súa dignidade política despois de certos comentarios que houbo polo pobo. Aínda tendo opcións diferentes penso que as cousas estanse facendo por consenso e funcionan.