O BNG de Pontecesures lamenta a insensibilidade mostrada polo «equipo de desgoberno» de Pontecesures cos maiores e cativos ao rechazar no pleno celebrado o luns día 22 as propostas apresentadas polo Grupo Municipal do BNG.
O Grupo Municpal apresentou tres posibles infraestructuras para seren financiadas con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local, que ten previsto dotar ao noso concello con 555.000 ? e que consisten na construción dun comedor escolar dentro do recinto escolar do CPI Pontecesures, na construcción dun centro de día e na construcción dun paso elevado peonil sobre a N-550 que comunique o camiño de San Xulián coa rúa do Pilar.
No pleno cadanseu grupo politico esgrimíu diferentes argumentos para votar en contra das propostas feitas polo BNG, desde a incompetencia do concello para acometer as obras con cargo a este fondo, pasando porque a premura das mesmas era incompatibel coa solicitude de permisos a outras administracións, porque as obras propostas as poden facer outras administracións, ou, simplemente, como rematou asegurando Sr. Randulfe porque «nós temos pensado outras e son estas a que se van facer e punto».
O BNG maniféstase contrario a que a Consellaría de Educación coloque no recinto escolar un comedor prefabricado, argumentado falla de orzamento para un comedor de características similares ás que contan a gran maioría dos comedores escolares de Galiza e non comprende como desde o actual desgoberno municipal se acepta un comedor deste tipo para o que ainda propón poñer fondos propios. A comunidade educativa de Pontecesures, sobre todo os pais e nais representados pola ANPA tamén manifestaron ao concello e ao delegado provincial a súa oposición a este tipo de instalación. Así pois dende O BNG propoñemos que con cargo a estes fondos se acometa a construcción un comedor escolar de calidade, que en calquera caso será con fondos públicos estatais e non con fondos propios do concello.
Ao negarse a que esta obra se inclúa no plan non só se está a votar en contra do BNG local senón que se está a dar nas narices dos pais e nais, presentes e futuros, que verán como nun futuro próximo non contarán cun servizo educativo complementario da calidade que merecen.
No caso do Centro de Día lamentamos o desinterese que amosou e amosa o tripartito por esta infraestrutura, ao noso xuízo, necesaria e cada vez máis demandada polos nosos veciños, que xa na actualidade teñen que usar o servizo que ofrece o centro do concello de Valga (nestes momentos acolle xa a catro usuarios de Pontecesures e non acceden máis porque xa está completo). O BNG puxo de manifesto na sesión plenaria que chegando case á metade da lexislatura o goberno municipal non tivera realizado ningunha xestión diante do Consorcio para que o Centro de Día fose unha realidade canto antes, feito que recoñeceu o tripartito poñendo peros a esta infraestrutura polo seu custo de construcción e incluso do posterior mantemento.
O perigo que supón o paso diario de peóns entre o centro do pobo e San Xulián eliminarase totalmente coa instalación dun paso elevado a xuízo do BNG, e así tamén foi recoñocido polo tránsfuga Sabariz. A administración de carreteras non acomete esta infraestructura porque o Sr. Sabariz non a quere, porque di que lle molesta preto da súa vivenda. Resulta bochornoso, coa cómplicidade dos seus socios de desgoberno, que se antepoñan os intereses particulares do Sr. Sabariz á seguranza dunha gran parte de veciños que teñen que facer diariamente este camiño.
Ao xuízo do BNG calquera destas obras pode ser incluida no Fondo Estatal de Inversión Local se o tripartito mostrase interese por elo, pero teñen demostrado que non lle interesan e non queren levar a cabo infraestructuras que propoña o BNG por moi necearias que estas sexan.
BNG de Pontecesures