Espectáculos de maxia e humor, obradoiros de cociña para a rapazada e para adultos e as visitas de Papa Noel, o Apalpador e os Reis Magos, as citas máis destacadas das festas.
A alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino, deu a coñecer os detalles da variada programación de Nadal deseñada polo Concello, «pensada para toda a familia» e na que a gastronomía terá un papel moi relevante, sinala a rexedora. Dará comezo este venres co espectáculo Abracadáver, de Dani Blanco. A cita será ás 18.30 horas no Centro Social. Trátase dunha actividade que mistura o humor cos malabares, o escapismo e moitas outras sorpresas.
O día 22, entre as 17.00 e as 20.00 horas, o Centro social acollerá un obradoiro de cociña e repostería para adultos, unha proposta que se repetirá o 28 de decembro, no mesmo horario e emprazamento, pero destinado á rapazada. O día de Noiteboa chegará Papa Noel para percorrer a vila e as aldeas do municipio. O día 30 de decembro tocaralle visita ao Apalpador, acompañado por Os Monifantes, ás 19.00 horas.PUBLICIDAD
Con respecto á Cabalgata dos Reis Magos, a alcaldesa salientou que volverán saír as carrozas reais, «grazas á colaboración desinteresada dun grupo de veciñas, que están participando activamente na súa posta a punto e decoración». A comitiva partirá da Nave de Obras ás 17.00 horas do 5 de xaneiro. A chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar á Prazuela está prevista en torno ás 18.30 horas.
Unha das grandes novidades da programación de Nadal será o 7 de xaneiro, día do patrón San Xulián, cando se celebre a tradicional Festa do Churro. Este evento gastronómico adoita ser unha das grandes citas das Festas do Carme, pero nesta ocasión desenvolverase por primeira vez nestas datas. Maite Tocino lembra que o pasado verán acordouse esta medida co tecido social, ante a imposibilidade de organizala a tempo dentro das Festas do Carme, ante a ausencia de programación realizada polo anterior Goberno local.
Ademais, tal e como sinalou a rexedora municipal, «entendemos que estas datas, xa en inverno, son máis axeitadas para poñer en valor este produto, polo que agardamos unha gran asistencia». Nesa xornada, está prevista a actuación de dous grupos de música tradicional da vila. A Festa do Churro estará amenizada polo dúo Nueva Era.
Diario de Pontevedra