PP, unha edil independente e un concelleiro de TeGa impulsan unha moción de censura para botar da alcaldía Cecilia Tarela, do BNG. ??? vergoñento como están a levar o tema?, di a rexedora, que confesa que de triunfar a moción ??ireime con tranquilidade e dignidade?.
O PP impulsa unha moción de censura en Pontecesures, con alcaldía do BNG
O 9 de maio, ás 12:00 horas, debaterase no Concello de Pontecesures unha moción de censura que impulsa o PP, co apoio dun concelleiro de TeGa e un edil independente. Cecilia Tarela, alcaldesa do BNG, non amosa sorpresa por unha moción que, recoñece, vía vir desde hai meses.
– En xaneiro, e após abandonar TeGa o ‘tripartito’, vostede afirmaba que habería moción de censura antes do verán. Víao tan claro?
– Xa na ponte de decembro, con TeGa aínda facendo parte do goberno, xa sabiamos que andaban ás voltas, polo que todo o que aconteceu despois non é que nos sorprendese moito. Sorprendeume, iso si, como marcharon do goberno, presentando un papel por rexistro e punto. A día de hoxe aínda non me deu explicacións á cara. E o da moción de censura non sorprende, hai que ter en conta que noutras lexislaturas foron concelleiros do PP [o edil de TeGa e a independente] e volven ao redil.
A moción de censura non sorprende, hai que ter en conta que noutras lexislaturas foron concelleiros do PP [o edil de TeGa e a independente] e volven ao redil
– Que alegan para presentar esta moción de censura, cando vostede non fai nin un ano de goberno?
– A min o que si que me parece moi vergoñento é, en primeiro lugar, a falla de educación, insultándome. O que os promotores da moción alegan é que son unha autoritaria, unha soberbia, que non sei traballar… creo que se retratan eles mesmos. Tamén din que van salvar o Concello. Mais salvalo de que? Nen que estivésemos nunha hecatombe!
– A moción vai ser o 9 de maio. Hai marxe para contactos con algúns dos impulsores para que non saia adiante?
– Eu creo que hai que ter un mínimo de dignidade. Se a moción sae adiante, eu voume con toda a dignidade do mundo. TeGa ten 2 concelleiros, un apoia a moción e outro non, iso xa di bastante. Eu, repito, voume tranquila, sen entrar a xogar a todas esas artimañas.
«Destacaría o que fixemos en ámbitos como o social ou cultural. De feito, deixamos o traballo feito de todo o ano para os que cheguen, para que despois digan que non sabemos xestionar!»
– E que considera vostede que hai detrás desa moción?
– O que se sabe é que van desdobrar a concelleiría de obras en dúas. Unha de obras e infraestruturas e outra de urbanismo. E así darlle unha a cada un dos que apoian o PP nesta moción. Iso semella que é o que interesa. Creo que hai moito interese de ladrillo, formigón e asfalto.
– E que lle din ou transmiten os veciños e veciñas nestes días?
– Está é unha vila pequena e coñecémonos todos. Por iso aquí sabiamos todos que a concelleira independente e o de TeGa non podían nin verse mais agora nisto van da man. Xuraron e perxuraron que non se ían xuntar e agora van e fano. Eu estou estes días recibindo apoios e ánimos dos veciños. Tamén do BNG, tanto na comarca como a nivel nacional. Síntome moi orgullosa de facer parte desta organización
– Só estivo uns poucos meses na alcaldía. Mais se tivese que destacar algo dese período, que sería?
– Eu destacaría o que fixemos en ámbitos como social ou cultural. De feito, deixamos o traballo feito de todo o ano para os que cheguen, para que despois digan que non sabemos xestionar (ri). Tamén quero dicir que pedín hai meses manter xuntanzas con certas administracións, como a Xunta, e aínda sigo esperando. Debe ser que non teño o carné correcto-.
Sermos Galicia