Di que é unha intérprete que “apoia e xustifica a colonización de Palestina e a violencia racial que o Estado israelí aplica sobre a poboación árabe”
Alternativa Galega de Esquerda (AGE) considera que “non é de recibo” gastar diñeiro público nunha intérprete que “apoia e xustifica a colonización de Palestina e a violencia racial que o Estado israelí aplica sobre a poboación árabe”, polo que pide suspender o concerto de Noa e reclama á Xunta que faga “prevalecer a ética” á hora de contratar artistas.
Nun comunicado, AGE resalta que as simpatías co sionismo militar de Noa “son notorias” e recorda que en 2009 chegou a denominar “traballo á matanza, efectuada polo Estado de Israel a través do seu exército, de 1.400 palestinos na Franxa de Gaza”.
“Non imos considerar a arte musical da solista”, di o deputado Xabier Ron, quen advirte, a liña seguida, que “non todo vale neste mundo e a ética debe prevalecer tamén na contratación de artistas pro parte da Administración pública”.
Alternativa recorda que o pobo de Palestina “vive hoxe prisioneiro no seu propio territorio, rodeado dun enorme muro que segrega as xentes”. Así, tamén esixe á Xunta que “rompa relacións con Israel e cancele o concerto do 21 de maio”, que recentemente anunciou a Consellería de Educación e Cultura.
“¿ Como podemos contratar unha persoa que apoia unha colonización denunciada por organismos internacionais ou un bloque a Gaza que impide a chegada ao lugar de alimentos e medicinas?”, pregúntase o parlamentario de AGE, grupo que tamén preguntará á Consellería de Cultura polo custo do concerto e se apoia os actos de “ocupación” do territorio de Palestina e a “constante vulneración dos dereitos humanos por parte de Israel”.
EL CORREO GALLEGO, 12/05/13