Avelino Pousa Antelo obtén a medalla Castelao
O insigne galeguista e Presidente da Fundación Castelao será galardonada ca medalla Castelao. Avelino Pousa Antelo estivo no grupo escolar de Pontecesures dende o ano 1.970 ata a súa xubilación no ano 1983.
Biografía de Avelino Pousa Antelo:
Nado na Barcala (A Baña), Avelino Pousa Antelo (Lucho do Peto) cursou seis anos na Universidade Pontificia Compostelá, Maxisterio en Santiago, dous cursos de Comercio en Lugo e Xerente de Cooperativas en Zaragoza. Afiliado ás «Mocedades Galeguistas», tomou parte na propaganda do Estatuto de Autonomía de 1936. Agrarista e cooperativista, colabora coa sociedades agrarias barcalesas. En 1946 foi bolsado á Misión Biolóxica de Galicia para prepararse para dirixir a Escola Agrícola da Granxa Barreiros de Ortoá (Sarria) que comezou o 1 de xaneiro de 1948. De alí xordiron os Cursos Agropecuarios para mestres rurais que se celebraron en Lugo desde 1948 ata 1971 (ano en que faleceu Antonio Fernández López, que era quen os financiaba). Marchou a Orotava (Tenerife) en 1955 e alí traballou de mestre e Técnico Agrícola do Laboratorio do Cabido Insular. Regresou a Galicia en 1960 para traballar como técnico de SEMISA, empresa productora de semente. En 1960 marchou a Zaragoza, onde dirixiu a empresa gandeira AIVESA. Regresou a Galicia en 1970, ó grupo escolar de Pontecesures, onde exerceu ata a súa xubilación en xaneiro de 1983. Actualmente é presidente da Fundación Castelao, vicepresidente da Fundación Fernández Florez e vocal das Fundacións Pedrón de Ouro e Alexandre Bóveda.
En 1963 obtén o Premio Xornalístico Ramón Mourente de temas agrarios. Un ano máis tarde, o premio «Luís Sánchez Harguindey», tamén de temas agrarios. A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias outórgalle en 1998 a Insignia de Ouro e Esmalte da Unión de Cooperativas. Foi nomeado Padriño de Honra da primeira promoción de diplomados da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago (1999) e da promoción de 2002 da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense (UVI). En 2000, a Universidade Compostelá outorgoulle a súa Insignia de Ouro.
Colaborador nos anos 30 de La Voz de Barcala ??órgano da Federación Agropecuaria do Distrito de Negreira??, publicou centos de artigos en xornais e revistas sobre temas agrarios e cooperativos, ademais doutros temas tamén políticos. Entre os seus libros figuran Temas de Agricultura (1951), Cooperativa de explotación comunitaria para unha parroquia rural (1968), ¿Valen ou non as cooperativas comunitarias para o campo galego? (1971), Reforma das Estructuras Agrarias de Galicia (1971), A Escola Agrícola de Granxa Barreiros (1988) e Galicia, tarefa urxente (1992).
Texto da Biografía e Fotografía da Biblioteca Virtual Galega
0 comentarios