Os niveis máis altos de arsénico e antimonio na Ría de Arousa están no Porto e na desembocadura do Ulla
As inmediacións do Porto e a desembocadura do Ulla teñen os niveis máis altos existentes na Ría de Arousa de arsénico (que se atopa en herbicidas e pesticidas) e antimonio (presente en refugallos industriais), segundo recolle un estudio feito por investigadores da Universidade de Compostela.
Os niveis de arsénico e antimonio na Ría de Arousa sitúanse por debaixo dos límites permitidos e non implican «problemas significativos» de contaminación. Esta é a conclusión que se recolle nun estudio elaborado por investigadores da Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela.
Os científicos analizaron a existencia destes dous elementos tanto nas augas de Arousa, coma nos sedimentos mariños e en moluscos coma o mexillón cultivado nas bateas. Un estudio co que se pretendía avaliar o estado, a este respecto, dunha Ría da que se extrae unha importante producción marisqueira. As conclusións, segunda a Universidade, son claras, indicando que «a presencia destes elementos non acada niveis tóxicos nin para os moluscos nin para o home».
Os resultados apuntan a que as concentracións máis elevadas de arsénico, que se atopa en pesticidas e herbicidas, e antimonio, procedente de certos residuos industriais, atópanse «nas partes máis internas da Ría», debido a que hai un intercambio intermareal menor, coma son as proximidades da Autoridade Portuaria de Vilagarcía ou ben a desembocadura do río Ulla. Non obstante, esta presencia non representa perigo algún, pois os niveis están por debaixo dos límites permitidos.
Diferencias > Nun comunicado, os químicos da Universidade de Santiago de Compostela aseguran que non existen grandes diferencias na presencia e concentración destes elementos na Ría de Arousa antes e despois do Prestige, se ben recoñocen que «os niveis son un pouco máis elevados despois dese desastre ecolóxico».
O equipo de investigadores realizou dúas campañas de mostraxes na Ría de Arousa, unha antes do afundimento do Prestige e outra despois do sinistro xerado por este petroleiro.
Os datos recabados permitíronlles elaborar unha comparativa e analizar os posibles efectos do verquido en relación coa presencia de arsénico e antimonio na auga do mar, nos sedimentos ou ben en moluscos coma os mexillóns.
«As análises dos sedimentos é útil, posto que almacenan os contaminantes depositados procedentes da columna de auga situada sobre eles, e ademáis poden chegar a contaminar as augas ao volver a liberar os contaminantes que previamente fixaran», indícase no documento.
O informe elaborado desde a Universidade de Compostela ven a engadirse a ampla lista de estudos elaborados polas institucións académicas galegas e españolas desde o desastre do Prestige, coa finalidade de profundizar e determinar os posibles efectos e consecuencias a medio e longo prazo deste desastre ecolóxico sobre os recursos mariños e as especies productivas.
:: Diario de Arousa ::
0 comentarios